Reactivar a economía da man da cultura segura

|

Con motivo das festas de María Pita o Concello da Coruña programou ao longo deste mes máis de 90 eventos en diferentes zonas da cidade cun dobre obxectivo: promover a recuperación económica e apoiar un dos sectores máis castigados a consecuencia da crise da COVID, o sector cultural.

Grazas a esta aposta, A Coruña volveu a situarse a nivel nacional como a cidade de referencia da programación cultural pública e gratuíta. E o fixo nun ano especial con aforos reducidos e adaptándose á situación sanitaria co establecemento dun protocolo COVID para cada un dos eventos: perímetros de seguridade, entradas nominais, control de acceso aos espectáculos, uso de máscara por parte do público en todo momento que estivo sentado con distancia. Medidas especiais adecuadas ao momento que estamos a vivir pero que non impediron que os asistentes puideran desfrutar dalgúns dos mellores artistas do panorama galego, nacional e internacional.

Os máis de 60 concertos que se celebraron en catro escenarios en diferentes zonas da cidade foron seguidos por máis de 20.000 persoas grazas a unha programación repartida en diferentes franxas horarias e para todos os públicos xa que os artistas escollidos representaban unha gran variedade de estilos musicais e se complementou con programación especial para os máis cativos.

O cumprimento estrito das medidas de seguridade en cada uno dos eventos contribuíu a posicionar á Coruña como capital da Cultura Segura, xa que todos os eventos transcorreron de forma exemplar grazas á colaboración e esforzo do público, dos artistas e de todos os profesionais que traballaron ao longo de case un mes para facer das festas un festival de música e ocio exemplar, responsable e seguro.

Mais a celebración das Festas de María Pita de 2021 tamén puxo de novo de manifesto a vontade do goberno da cidade de apoiar decididamente á cultura como elemento fundamental da transmisión de valores á cidadanía e como motor activo da recuperación económica. A programación dunhas festas co nivel, variedade e número de eventos como as deste ano, conleva numerosas contratacións de empresas da cidade, contribúe ao mantemento do emprego no sector cultural e de espectáculos e aporta decisivamente á dinamización do consumo na hostalería e no comercio de proximidade.

En 2020 a pandemia impediunos celebrar as festas e puxemos en marcha o PRESCO Cultural para inxectar no sector preto dun millón de euros, este 2021 a programación das festas e o novo PRESCO que destinará de novo medio millón de euros a actividades dirixidas á cultura permitiranos colaborar decisivamente no mantemento dun sector clave e xerar novas oportunidades de desenvolvemento económico para a cidade.

Reactivar a economía da man da cultura segura