As contas claras

|

a recente cantada do Messi, cacarexada ata o aburrimento en tódolos medios de comunicación, é o que me leva a escribir este apunte. Non digo nada novo que non comparta con moita xente pero, anque so sexa pola saúde mental dunha maioría de seareiros e fanáticos, penso que é bo resaltar, de cando en vez, unhas cantas verdades.

Nun mundo como o que estamos a vivir, onde millóns de persoas pasan necesidades e fame paréceme fóra de lugar, inmoral e dalgún xeito esperpéntico a cantidade indecente de cartos que acada este personaxe, e outros como el que, por certo, non son o mellor espello onde se ten que mirar a xuventude.

Fagamos contas polo miúdo partindo da base de 36 Millóns euros/ano que dis que gaña este home:

36 M euros / ano: 12 = 3 M / euros / mes <100.000 euros / día > <4.166,666 euros / hora> < 59.444 euros / minuto> <1.1574 euros / segundo>.

Isto sen contar as primas por partido gañado ou empatado, goles marcados, e metas acadadas, Liga, Copas...etc.

Compare estes números cos seus e non se cabree moito, non vale a pena

A xustificación de tal desparrame de cartos son os estadios cheos a rebentar. Non sei que vai pasar agora coas restricións impostas polo demo do coronavirus.

A maior parte da culpa téñena eses persoeiros, auténticos mafiosos que, arredor do fútbol, viven como deus, acadando millóns sen conto a base de gobernar fichaxes multimillonarios, dos que, sen dúbida, acadan un bo rendemento para o seu peto. O peor de todo é que a cousa vai en aumento, nunca se pagou tal disparate de cartos nin se fixeron tantas gabanzas a un home que se gaña a vida dando patadas a un coiro cheo de aire.

¿Chegará o día en que impere o sentido común e se deteña este disparate que non fai máis que medrar, e de que xeito, tódolos anos?

Non se pode negar que o fútbol como deporte é bo para o desenrolo físico dos rapaces, e das rapazas, pero como negocio non o é para a súa formación cultural. Como todo ten que ter o seu término medio, é preciso arbitrar solucións para cortar semellante dispendio de cartos e, o que é máis importante, os seus efectos perniciosos na formación da xente nova. Pensemos na gran cantidade de rapaces, e rapazas, que abandonan os seus estudos para xogar ao fútbol, so pensando na cantidade de cartos que move, e rematan aos trinta anos sen estudos, sen oficio nin beneficio e sen cartos.

By by Messi, seica es o mellor do mundo, pero deixas o Barsa de toda a vida con unha débeda de 1.350 M. Mellor non volvas, ¡¡nunca máis!!

“Amiguiños si pero a vaquiña polo que vale”

As contas claras