Será o común o tele-traballo?

dise que o tele-traballo está medrando e chegou para se quedar. Teñen razón xa que responde ao avance tecnolóxico. Tamén é evidente que o tele-traballo, entendido como aquel que se realiza na casa do asalariado/a, representa unha modificación das condicións laborais habituais e necesitaba dunha regulación especifica. Mais, non coincido con aqueles que din que esta é unha novidade da era da dixitalización, esquecen que hai varias décadas era común realizar nas casas parte do proceso na confección (algunha gran multinacional galega comezou así a súa expansión); tamén existía (existe) esta modalidade noutras actividades.

Tampouco é verdade que o tele-traballo vaia abranguer á maioría da povoación asalariada ou autónoma. Actividades que empregan moita man de obra como a construción, hostaleira, transporte, industria, sanidade e dependencia, ensino, riders, etc. non se poden realizar telemáticamente, necesitan da presenza humana directa na fábrica, negocio ou lugar onde se presta o servizo. É verdade que todo o relativo á programación, comunicación, determinadas tarefas administrativas, etc, poden ser feitas a través do tele-traballo, mais abrangue unha minoría da clase traballadora, aínda que se deba ter en consideración.

As persoas asalariadas que realizaban o traballo na casa, cando menos a metade dos días da semana, representaban no ano 2019 na Galiza o 5,5%. A cifra máis alta correspondía a Asturias cun 6,6%. Esta porcentaxe medrou moito no inicio da pandemia. Un estudo considera que un 22,3% das persoas ocupadas poderían realizar tele-traballo, claro que para chegar a estas conclusións suma o 100% dos/as directores e xerentes e o 59,9% dos técnicos e profesionais, científicos e intelectuais. Porcentaxes que sería moi difícil de atinxir, máxime en actividades nas que a presenza semella esencial, como as de dirección, aínda que tecnicamente sexa posíbel. Na UE a esa altura eran os Países Baixos os que tiñan a porcentaxe máis alta, un 14,1%.

O tele-traballo é unha necesidade e/ou vantaxe en situacións moi especificas do asalariado/a, sempre que o horario e os gastos extras estean calculados axeitadamente. Mais non se pode obviar que tamén ten seus aspectos negativos, xa que o aparta da relación directa co resto do cadro de persoal restándolle forza reivindicativa diante da patronal. Un efecto que é menor cando o tele-traballo se realiza algúns días da semana. Son novas realidades a ter en conta, tanto pola empresa, como polos sindicatos e o Governo. Cómpre garantir relación coa clase e condicións xustas.

Será o común o tele-traballo?

Te puede interesar