A Messi

a verdade é que non pensaba dicir nada do balbordo organizado coa túa marcha do Barça ( algo més que un club) agora na banca-rachada por accederen a pagar eses astronómicos salarios que percibe o equipo, comezando co teu. Din que cobrabas respecto ao que xerabas. Pois non cadra. Pero isto sonche cousas da túa vida que tan só ti es quen de xestionar. Preocúpame o que deixas detrás: a estulticia colectiva dunha masa de seareiros desamparados diante da perda da divina providencia do teu fútbol, eses que aplaudían cando saías do xulgado con problemas coa Facenda. Non me preocupa o que se vai, preocúpame o que queda, o pouso.

Pero bo será lembrar que viñeches de pereiriño á escola de fútbol do Barcelona e que alí recibiches unha educación básica e aprendiches a potenciar esa condición innata que tiñas para este deporte. Sempre no Barça, pero “a pela é a pela” e o poderoso cabaleiro marca o teu devir de xeito implacábel. ¡Non me dan o que quero, pois marcho! E así, entre pitos e frautas, nun cálculo feito a voa pluma estimo que estabas percibindo uns 100.000 euros ao día e, claro, querías máis. Sen comentarios. Entrementres os pagadores perdendo fol e entrando en quebra.

Perdoa se me atrevo a dicir que as túas bágoas de despedida foron finxidas, bágoas de crocodilo formando parte do espectáculo, porque acomodado no jet privado rumbo a París, xa foron pasado como foi a ben deseñada posta en escena. ¿Que pasa tío, que todos chorades cando cambiades para mellor? Nada máis pisar a herba do “Parque de los Príncipes”, o teu novo acubillo, puxécheste a correr como un neno con zapatos novos cun sorriso de orella a orella. Pasarás a bicar o escudo da torre Eiffel sendo fiel ao teu novo señor, o príncipe de Catar. Tranquilo, no fútbol como na vida é normal arrimarse á ascua que máis quenta. O que xa non é tan normal é a hipocrisía.

Pois ben “crak”, a for de ser sincero direiche, malia que ti ben o sabes, que non vas á mellor liga de Europa nin de lonxe, que o teu novo equipo, o PSG, que por certo din que non goza de moitas simpatías no país veciño ( porque é do Emirato de Catar) , se dará un paseo pola liga de Francia si pero de aí a gañar a Copa de Europa vai ter un camiño duro de pelar: Inglaterra, Alemaña, España e mesmo Italia espéranvos. Non sei como ides resolver iso de estar tantos ídolos nesa cuadra dos petro-euros, porque o mellor xogador necesita dun equipo que traballe para el como facían á perfección Xavi e Iniesta para ti. ¿Traballarán para ti Neymar, Mbappe e compañía? Xa veremos.


A Messi

Te puede interesar