Reboiras, activista exemplar

Hai 46 anos como consecuencia da represión desapiadada da ditadura franquista era asasinado pola policía o 12 de agosto o dirixente da UPG Ramón (Moncho) Reboiras Noia, na rúa da Terra na cidade de Ferrol. Moncho foi unha figura clave no nacemento do sindicalismo nacionalista, tanto da Fronte Obreira da Unión do Povo Galego, nacida na primavera de 1973, como nos xermolos sindicais que deron corpo ao Sindicato Obreiro Galego en maio de 1975. Co remate da longa noite de pedra do franquismo o SOG e outros sindicatos de sector constituirían a ING, novas integracións deron vida á INTG. Logo viría a ruptura da CXTG en 1985 e en 1994 a unificación na CIG.

Moncho Reboiras era un mozo sensíbel, rexo e íntegro, cheo de ilusións persoais sentidas dende unha perspectiva colectiva e solidaria. Tiña unha fasquía que daba confianza, falaba con acougo e cun sorriso nos beizos. Soñaba cunha Galiza dona de seu, con xustiza social, co remate da emigración que estragaba o país, coa dignificación da cultura nacional e a normalización lingüística, coa presenza directa dos máis marxinados nas estruturas do poder político. Consideraba esencial a participación do povo. Era enxeñeiro técnico electricista, cando eu o coñecín traballaba nunha empresa na Coruña. Pasou os seus anos mozos no barrio de Teis en Vigo, aínda ca súa familia era de Imo no concello de Dodro.

Hai uns anos Ramón González (“o dentes” de Barreras) dicíame que varios militantes de Organización Obreira (OO) sumáronse ao sindicalismo nacionalista, como Xosé Anxo García Méndez (Felipe), Oscar Duarte e Xesús Chaves (os dous primeiros xa falecidos); e que Reboiras era a persoa máis respectada da UPG perante a folga do 72 en Vigo. Lembraba que el foi quen lles pasou unha multicopista a OO para imprimir a propaganda, e que participou en varias reunións da INTER (coordinadora dos delegados/as das empresas de Vigo opostos ao vertical).

Só se pode entender o papel na Galiza actual do movemento nacional popular galego (mnpg), como consecuencia das folgas do ano 72, así como polo activismo das persoas que facían deste país a súa patria, unha Terra que medrase apreciando a súa historia e cultura, dende a solidariedade, tendo ao ser humano como cerna da análise e o obxectivo. Moncho Reboiras foi unha desas persoas que o deron todo por Galiza, ate a súa propia vida, sen pedir ren en troque. É un exemplo a seguir no nacionalismo galego, xa que representa o mellor da mocidade que loitou contra a ditadura, pola democracia, pola república, por unha Galiza soberana e xusta.

Reboiras, activista exemplar

Te puede interesar