Mala sorte

semella que Ferrol é un concello con mala sorte pois malia as moitas e importantes posibilidades que posúe, non é quen de saír desta “caída en picado” na que se atopa, co peche de empresas, perda de postos de traballo e descenso da poboación. Mais puidera ser que a mala sorte debérase á falta de políticos verdadeiramente interesados en loitar por saírmos da actual penuria económica, buscando saídas que, coido eu, non están suficientemente exploradas. Un exemplo podería ser dedicarlle máis atención á zona rural, que está sumida no máis negro dos abandonos, con moi poucas canalizacións de saneamento e sen utilizar, con montes cheos de maleza, pistas invadidas polas silvas, estradas sen electricidade, como a de San Xurxo, ou camiños veciñais sen un mal punto de luz. Hai moitos lugares nos que se podería edificar cunha planificación axeitada, dentro dunhas normas respectuosas coa Natureza, mais, curiosamente, están cualificadas como “zona protexida” (protexida de que ou de quen?). Sei que farían falta grandes inversións que, seguramente, darían grandes beneficios, pero non sería necesario facer todo dunha vez, senón comezar pouco a pouco, para que, a lo menos, os habitantes visen unha pequena mostra de atención, xa que só se acordan deles para lles pedir o seu voto. A min paréceme que o noso rural é un diamante en bruto ( ou debería dicir unha esmeralda, pola cor verde?) e iso suxíreme unha idea: Se os ingleses rodearían de prata a nosa ría, que farían os suízos cos nosos vales, montes, campos e prados? Que mágoa, non si?

Mala sorte

Te puede interesar