Indolencia

|

As restricións por mor da pandemia e a conversión do teléfono móbil no principal instrumento para informarse do que acontece está a provocar a fragmentación social, unha maior facilidade para a manipulación da xente e a creación de moitas situacións de illamento – burbulla que distorsiona o coñecemento da realidade.

Estes días rexeitaba unha solicitude dunha fracción post 15M, agora negacionista, chegada ás miñas redes sociais. Como é posible que un grupo “alternativo” acabe facendo campaña contra as vacinas? Ou como é posible que estes días todos estiveramos atentos a aquel bulo que supostamente discriminaba aos madrileños na hostalería ferrolá?

Simplemente por indolencia. Ao longo dos anos fomos aceptando unha xeira de bobadas, de cabalos de Troia disfrazados de progresistas, que non queríamos combater por non enfrontarnos con elas e agora a bóla de neve é tal que vainos acabar por afogar.


Indolencia