No mundo dos apelidos

Antes de máis nada penso que debo pór de manifesto que nos últimos días o pasei francamente ben coa lectura do libro ao que hoxe me vou aproximar para lles recomendar que lean, porque estou convencido de que me van agradecer vivamente a suxerencia. Trátase de Apelidos da Galiza, de Portugal e do Brasil, que leva como subtítulo Chaves e segredos da nossa onomástica, publicado por Através editora. Sei ben que estamos no tempo en que moita xente está de ferias, co que iso, en moitos casos, adoita levar aparellado non facer outra cousa que practicar o dolce far niente. Asunto este que, de cando en cando, non ven nada mal, é algo moi necesario. Mais tamén non sería mala opción facer unha combinada do nada con actividades lúdicas como escoitar música ou ler. De feito, nesta liña combinatoria, decidín ler o libro do meu benquerido exalumno e amigo Diego Bernal só na praia -xa deitado na toalla extendida na area, xa tomando unha cervexiña nun chiringuito-, porque entendín que se prestaba ben a iso. É desa caste de libros que se aproxima da máxima horaciana “Aut delectare, aut prodesse est”, que ben sendo o coñecido instruír deleitando ou, o que é o mesmo, aprender pasándoo ben. E abofé que isto é o que acontece co que se nos conta nestas duascentas e tal páxinas. Das que, e isto tamén axuda ao divertimento, non temos que facer unha lectura lineal. Podemos saltar do principio ao fin sen perdermos nada do sentido da obra. Saber cousas sobre o apelido Álvares/Álvarez e a continuación enterarnos doutras sobre o apelido Pombo sen termos que ler previamente as numerosas páxinas que os separan, pois tempo haberá para volvermos a elas.


Digo isto porque, se cadra, título e subtítulo pódennos levar a pensar que se trata dun manual académico co de pexorativo que iso poida ter, máxime en tempos de lecer. Non é tal, o que non lle resta nada de seriedade e rigor, porque estes termos non están necesariamente reñidos co deleite. É unha obra que condensa dun xeito didáctico e entretido boa parte do saber -aínda escaso, por certo- que teñen ao seu dispor as persoas que se interesan por estes temas relacionados cos nomes que nos legaron. Bernal é sabedor de que hai un bo número de persoas interesadas pola heráldica, por esa ansia de grandeza moi frecuente da condición humana. Por iso fai ben en recomendar que a xente do común, a inmensa maioría de nós, se achegue aos estudos onomásticos e non aos heráldicos. Cando iso lin non puiden menos que lembrar o final d’A marquesiña, a tan fermosa como triste cousa de Castelao: “A súa nai é tan probe que traballa de xornaleira na casa do Marqués. E aínda lle chaman a Marquesiña”. Porque os apelidados Conde, Fidalgo, Duque ou Marqués non é probable que teñan algo que ver cos títulos aos que eses nomes fan referencia.


Quen se achegue a estas páxinas, destinadas a un amplo público lector, vai ter noticia de apelidos foráneos (casteláns, vascos, cataláns) presentes en Galicia e, sobre todo, de apelidos autenticamente galegos, que, como non podía ser doutro xeito, atopamos tamén en Portugal e no Brasil. Se se deciden a abrir o, en palabras do autor, “misterioso baú dos apelidos” van bater cun lote información que, teño absoluta certeza, lles vai resultar tan curiosa como interesante.

No mundo dos apelidos

Te puede interesar