O goberno local proporá ao pleno unha addenda ao convenio do Concello de Ferrol con Augas de Galicia que prorrogará o actual, que vence o 1 de agosto, ata finais de ano ou ata que haxa un novo. O documento refírese á encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do Concello. Foi asinado no 2017 e está a piques de caducar.
Esta iniciativa tratouse onte nunha comisión de urbanismo extraordinaria e urxente e o BNG reaccionou cun comunicado de prensa no que acusa ao goberno local de dar continuidade “pola porta de atrás” ao problema de xestión da depuradora, permitindo “que se prolongue a estafa á que están sendo sometidos os veciños e veciñas de Ferrol, que teñen que facer fronte a unhas facturas desmesuradas desde 2014”. A posición dos nacionalistas é que sexa Augas de Galicia quen xestione a depuración.
O convenio de 2017 contou cos votos favorables de Ferrol en Común, Partido Popular e Partido Socialista.