Máis atrevemento ou cambio de imaxe?

o xeito en como se levou a cabo a remodelación do Governo fixo que collese por sorpresa aos medios e o resto dos partidos, máxime cando os cambios danse en tantos ministerios. O tempo dirá se esta mudanzas danlle resultados ao PSOE para remontar unhas expectativas electorais que lle eran desfavorábeis, en beneficio da dereita. Especialmente do PP, que polo tanto saíu a golpear ao PSOE, centrando toda a artillería en Pedro Sánchez, xa que seica é quen fai e desfai ao seu gosto. Será porque lle deixan, ademais, outro tanto poderíase dicir da dereita.

A maior parte dos/as analistas consideran que Pedro Sánchez afastou ao núcleo duro do seu partido, malia que os argumentos que se dan no fundamental caracterizano como o sector máis próximo ao presidente, sen entrar a valorar cales eran os obxectivos e folla de ruta que defendían, e se nese ámbito mantiñan diferenzas. Polo que non se trataría de duros e brandos, en termos políticos, para alén das formas que puidesen manter nas reunións e no discurso, coma de imaxe do Executivo. Polo que, non semella que Pedro Sánchez fixese as modificacións co obxectivo de moderar o radicalizar a súa política social, dar un pulo no recoñecemento da plurinacionalidade do Estado, ou manter unha actitude máis firme diante da Unión Europea e Estados Unidos. Neste último aspecto a escenificación do apoio militarista á OTAN realizado en Lituania, na súa visita aos estados bálticos, implica unha provocación a Rusia, e un salto cualitativo do Estado español na confrontación.

Para alén de que este cambio nos ministros/as pretenda recuperar unha parte do electorado do PSOE con novas caras, o real é que a medra o peso no Governo de Nadia Calviño que representa a liña económica neoliberal ligada aos ditados da Unión Europea. Ademais continua Escrivá que nesa mesma postura propón unha reforma das pensións, que cunha de cal e outra de area ao final busca endurecer as condicións, tanto en contía como en tempo de goce do acceso a esta prestación económica dos futuros xubilados/as. Ademais, veremos que pasa ao final co compromiso da derrogación da reforma laboral e da Lei Mordaza.

Dise que o novo Governo terá maior sensibilidade ecoloxista e respecto dos dereitos básicos individuais; sería positivo. Mais, tamén hai outras cuestións que teñen urxencia para as familias e son centro da maioría das mobilizacións. Terá atrevemento o Governo e dará solución ao conflito laboral e territorial, ou, neste aspecto os cambios só obedecen a vender mellor as directrices de Madrid e Bruxelas?

Máis atrevemento ou cambio de imaxe?

Te puede interesar