Horas baixas

|

Acotío chaman achegados, amigos e compañeiros para saber como o levo. Non se pode dicir que estou no mellor dos meus días pero non queda outra que ir indo. A miña resposta é sempre a mesma, e moi galega por certo; ¡ímola andando!.

Hoxe é luns e marcha miña filla para o seu traballo na biblioteca de Lugo. Tócame enfrontarme toda a semana coa soidade, tendo por toda compaña un xilgaro rechouchiando na súa gaiola.

O martes examinase de conducir a miña neta Chen en Madrid, a ver como lle vai. Os anos pasan voando que é unha barbaridade

O mércores, axenda baleira. Haberá que ir ao Gradón, meu club favorito situado no corazón de Caranza. Cunca de viño e de tapa tortilla ou tripas. Nunca comín tripas nin as penso comer, danme moito “yuyo”. Hai anos que paro neste bar, bo ambiente por parte de donos e de seareiros. Alí leo o DF e gárdanmo cando sae publicado algún dos meus apuntes.

Os xoves adoito ir a Ferrol a facer algunha que outra xestión, o que aproveito para dar unha volta polo centro dunha cidade morta, case descoñecida coa maioría dos comercios pechados e pouca xente polas rúas. A ver se agora, de cara ao verán e coa pandemia en recesión, ¡toca madeira!, se anima un pouco este Ferroliño noso, ¡que boa falta lle fai!. Logo a comer coas miñas irmás. Un día distinto no que recordamos cousas de outros tempos, cando eramos tan felices, aos nosos moi queridos pais e aos nosos irmáns Aurelio e Pikolo. Tamén, como non, a tantos amigos e compañeiros que xa están alén dos ríos das fontes e dos camiños.

O venres, compra no súper e a esperar a chegada do sábado que é cando volve a miña filla de Lugo. Ás outras dúas fillas e ás catro netas, estou rodeado de mulleres como podedes ver, véxoas de cando en vez porque elas teñen que atender aos seus traballos e estudos. Aínda así veñen a comer comigo unha ou dúas veces ao mes o que moito lles agradezo.

Durante toda a semana, emprego o meu tempo sobre todo en ler moito que é xunto co feito de escribir estas elucubracións, o mellor xeito de fuxir da soidade e mesmo da saudade. O último que lin foi un libro de John Grisham titulado El Cliente. Non me gustou moito porque, en xeral, son pouco afeccionado a estes culebróns con tantas páxinas. Penso que, a miúdo, sobran a metade delas.

Ben, déixovos que teño que recoller, facer a cama e pasar a aspiradora e o ferro que tamén eso fago por riba do xantar. Ánimo, unha aperta forte, coidádevos moito e ¡por favor!, perdoade estas horas baixas, froito destes tempos, levados do demo, que estamos a vivir. Chegarán tempos mellores, sen dúbida.

Horas baixas