Viaxando

Nos primeiros días da semana que nos deixou puiden, por fin, facer a pequena excursión polo norte peninsular que tiña programada hai algún tempo. Tratábase esencialmente de visitar, en Santander, uns moi queridos amigos cubanos e de achegarme ao Guggenheim de Bilbao para ver a exposición “Los locos años veinte”, inaugurada a comezos do pasado mes de maio, con máis ou menos un ano de retraso. Cousas da covid.


O encontro cos amigos moi gratificante, como sempre. Vinos, iso si, moi preocupados coa situación cubana. Hai moita escasez de cousas elementares, sobre todo alimentarias, e unha economía moi maltreita, froito do inhumano embargo norteamericano e da xa prolongada ausencia de turistas, fonte de ingresos fundamental para o país. O retraso na vacinación, evidentemente, non contribuiu a aliviar a situación. De feito, á súa chegada, os turistas teñen que presentar unha PCR-RT para SARS Cov-2 realizada, por un laboratorio certificado do país de orixe da viaxe, nas 72 horas anteriores á súa chegada a Cuba, onde terán que facer outra proba igual no aeroporto, antes de dirixirse ao seu lugar de hospedaxe. Alí gardarán corentena ata que reciban o resultado negativo da proba efectuada. Como para pensar moi ben se viaxar ou non.


A visita ao Guggenheim foi tamén moi frutífera. Polo que fora lendo sobre a exposición “Los locos años veinte”, desde a súa inauguración, a comezos de maio -cun ano de retraso polos problemas sanitarios-, tiña a certeza de que ía gustar, como así foi. Aínda que pertezo ao grupo de xente que pensa que o mellor do Guggenheim bilbaíno é o exterior do edificio, estimo que o espazo interior se axeita case que totalmente a unha exposición das características desta. Estimo que o seu deseñador, Calixto Bieito -que, ademais de director artístico do bilbaíno Teatro Arriaga, é dramaturgo- acertou de cheo na distribución dos materiais exhibidos. Unhas 300 pezas de variadas artes, unha mestura de pintura, escultura, debuxo, fotografía, cinema, collage, prendas de vestir, mobiliario, arquitectura, danza... Un percorrido por sete salas, cada unha co seu título -”Adeus ao trauma da guerra”; “Novos roles, novos modelos”; “Novas maneiras de ver”, “A revolución da moda”; “Traballo e ocio”, “Novas nocións sobre o corpo” e “Desexo”-,

onde se xuntan obras creadas por grandes figuras con outras de autores menos coñecidos. Atopamos os nomes de Fernand Léger, Otto Dix, Max Ernst, Christian Schad, Walter Ruttmann, Joé Francis, Grethe Jürgen, Gerrit T. Rietveld, Man Ray, László Moholy-Nagy, Le Corbusier, Marcel Breuer, Mies van der Rohe, Brancusi...


Como non podía ser menos, apréciase a forte presenza da muller, da nova muller, do seu novo aspecto e dos seus novos roles sociais.


En definitiva, unha exposición para visitar demoradamente e, en sendo posible, en máis dunha ocasión.

Co que non concordo é co paralelismo que se establece entre eses anos vinte e os que, un século despois, estamos comezando. Entendo que as expectativas presentes nunha e noutra década son moi diferentes, por non dicir radicalmente distintas.

Viaxando

Te puede interesar