O Parlamento de Galicia amosa desde hoxe en Ferrol unha mostra bibliográfica sobre Carvalho Calero

Carvalho Calero
|

O Parlamento de Galicia amosará desde hoxe na cidade ferrolá a “Mostra bibliográfica de Ricardo Carvalho Calero” logo de permanecer aberta ao público na sede da Cámara galega durante os últimos meses.

O proxecto, impulsado polo Lexislativo autonómico en 2020 co gallo do día das Letras Galegas dedicado ao ilustre escritor e profesor ferrolán, foi inaugurado coincidindo coa presentación do libro “Ricardo Carvalho Calero, orador. Discursos e leccións”, obra de Pilar García Negro, experta na figura do homenaxeado e tamén comisaria da exposición.


A sede de Abanca acolle esta tarde a inauguración dunha exposición que poderá ser visitada ata o vindeiro día 24


A mostra está integrada por medio cento de libros e máis dunha vintena de documentos entre os que se inclúe o carné de socio do Seminario de Estudos Galegos e dúas cartas de Otero Pedrayo, entre outro material pertencente ao arquivo do autor, depositado no Parlamento de Galicia, desde 1997, xunto coa súa biblioteca.

O acto de inauguración do proxecto expositivo terá lugar esta tarde, ás 19.00 h, na sede ferrolá de Afundación, coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; María Victoria Carvalho-Calero Ramos, filla do escritor; Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; María Pilar García Negro, profesora e comisaria desta mostra; e Pedro Otero Espinar, director xerente de Afundación, a Obra Social de Abanca. A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 24 de xullo.

O Parlamento de Galicia amosa desde hoxe en Ferrol unha mostra bibliográfica sobre Carvalho Calero