Meirás, a historia recuperada

O pazo de Meirás é unha metáfora que condensa a trepidante historia do país que puido ser e non foi. Dentro duns días, o 10 de xullo, celebraría Emilia Pardo Bazán o seu aniversario. Ese día de 1868 casou a insigne escritora na capela da Granxa de Meirás –aínda non comezara as obras do pazo-. Non podía saber ela que só un par de meses máis tarde produciríase o levantamento que deviría no chamado Sexenio Democrático, culminado pola Primeira República. Daquela época foi o primeiro exercicio de sufraxio universal – só masculino aínda-, a Constitución de 1869 e a abolición da escravitude en Puerto Rico, entón colonia española.


España aspiraba á modernidade e a respirar os mesmos ventos que Europa. Pouco imaxinaba Pardo Bazán que 70 anos despois do seu casamento o pazo que ela mandara construír en estilo romántico na parroquia sadense íase converter en propiedade dun ditador mediante unha operación fraudulenta que ninguén ousou entón poñer en dúbida. O pazo que no seu nacemento foi un símbolo da modernidade do país, o pazo que foi residencia de verán dunha escritora de categoría universal, nun momento histórico no que por vez primeira recoñecíase o sufraxio universal (aínda limitado), o dereito de libre reunión e asociación, de imprenta e de culto, íase converter nun símbolo de todo o contrario.


Desde esta semana o pazo de Meirás abre as súas portas –polo momento as dos seus xardíns– aos cidadáns. Non o fará con visitas guiadas por persoal dunha fundación franquista, senón como propiedade do Estado, é dicir, como propiedade de todos. Si a finais do XIX e principios do XX o pazo foi a imaxe dunha historia frustrada, agora volve ser de novo un símbolo dos novos tempos que vive este país, un símbolo da xustiza e tamén unha peza clave da historia recuperada que se furtou a milleiros de españois durante os 

negros anos da ditadura.


Foi un Goberno socialista, o de Pedro Sánchez, o que puxo a propiedade en mans dos seus lexítimos propietarios, os cidadáns, e o fixo canalizando o importante movemento popular que durante anos loitou porque se fixera xustiza, un movemento ao que se sumou tamén o presidente socialista da Deputación da Coruña, Valentín Formoso e o Concello da Coruña, con Inés Rey ao fronte, e que non remata en Meirás, senón que prosegue na busca de xustiza coas accións necesarias para que a Casa Cornide, usurpada aos coruñeses, retorne aos seus lexítimos donos, os cidadáns da Coruña.


A recuperación do pazo foi unha vitoria esencial nun país que, cun Goberno socialista, enterra os últimos vestixios da ditadura. A apertura de Meirás volve ser a metáfora do país que pode ser, do país que camiña na correcta dirección. Non é un pazo, é moito máis, é un espazo convertido de novo en símbolo dunha modernidade recuperada, símbolo tamén da acción conxunta entre a sociedade civil e as institucións con gobernos ao seu servizo. Símbolo, en fin, da liberdade dun pobo que xa ninguén vai truncar.

Meirás, a historia recuperada

Te puede interesar