O pasado sábado 19 tiven a fortuna de poder aistir no Jofre á actuación da cantora portuguesa Fábia Rebordão, da que se adoita dicir que está “unanimemente considerada uma das vozes de referência do fado novo”. Como tal a presentaba tamén aí / Guía de Cultura, Servizos e Ocio en Ferrolterra, a miña revista de referencia para, ao comezo de cada mes, me informar moi adecuadamente de todo canto espectáculo vai ter lugar na nosa cidade.
Malia que aínda lle faltan uns anos para chegar aos corenta, Fábia Rebordão xa superou as dúas décadas de dedicación á música de xeito profesional e xa hai unha que conseguiu actuar na neoiorquina “Carnegie Hall”, a mítica e centenaria sala, capaz de acoller a perto de 3.000 espectadores. Comezou cantando nas populares casas de fado lisboetas -”Taverna do Embuçado”, “Clube de Fado”, “Casa de Linhares”-, mais tamén participou en “Operação Triunfo,”na segunda edição, 2004, onde foi finalista e gañou popularidade. Ten manifestado en diferentes ocasións a súa paixón polo fado, mais tamén adoita falar de que o soul, a bossa nova, a morna caboverdiana, o blues, o jazz... son fortes influencias musicais.
En 2011 gravou Fado / A oitava cor, o seu primeiro CD en solitario, obra producida por Jorge Fernando, relevante figura da música portuguesa, a quen está unida musical e sentimentalmente desde, máis ou menos, esa altura. Nesa disco interpreta o tema “Cresce O Teu Fado”, acompañada por Celeste Rodríguez, unha fadista moi interesante, se ben bastante eclipsada pola enorme figura da súa irmá Amália. Primas, por certo, da avoa materna da Fábia.
Jorge Fernando, que adoita acompañala tocando a viola, como aconteceu no Jofre -onde, ademais, nos obsequiou coa interpretación de “Na beira do mar”-, é, como xa dixen, unha figura da música portuguesa, na que leva perto de 50 anos, desde que comezou a traballar como guitarrista acompañando Fernando Maurício, considerado o “rei do fado”. Con 20 anos xa era guitarrista de Amália Rodrigues. Pero non só foi e é guitarrista. Foi e é compositor, cantante, produtor musical... De fado e de música lixeira.
Participou en varias ocasións no “Festival RTP da Canção”, onde o seu “Umbadá” foi un dos temas máis populares. Como algún outro. Tamén son moi coñecidos algúns fados, na súa voz ou na doutras artistas. Tal así “Trigueirinha”, que puidemos escoitar o outro día.
Saín moi contento do espectáculo, despois de ter escoitado un bo número de temas que me resultan moi familiares e que me acompañan, noutras voces, desde hai anos, ao carón doutros rigorosamente novos do trinque, algún deles da autoría de Fábia Rebordão. Dos clásicos non podo deixar de me referir ao “Barco negro”, ese fermosísimo poema de David Mourão Ferreira para unha non menos fermosa música do brasileiro Caco Velho. Gustei do ambiente de familiaridade, dos chamados á participación e da resposta da xente. Penso que a cada paso o fado vai enchendo un oco na vida musical ferrolá que me parece interesante.