As posibilidades da prensa –naquel caso os anuncios publicitarios inseridos– como materia literaria foron sublimadas en 1991 por Agustín Fernández Paz nun clásico xuvenil, “Contos por palabras”, que mellora co paso dos anos. Hoxe, trinta anos despois, ese vieiro aberto nos xornais segue a ter partidarios como o mestre José Luis Graña Muíño –Cerdido, 1955–, autor de “Recortes de risa”, unha colección de sete pequenas pezas teatrais que vén de publicar Edicións Fervenza. Os textos inspíranse en titulares e informacións que comparten a súa capacidade de mover á hilaridade. Hoxe ás 20.30 horas preséntase no local social da Solaina, en Narón.
“Fun escollendo”, explica Graña, “noticias de xornais que xa no titular encerran unha mensaxe curiosa, algunhas desternillantes, outras descabelladas e outras que, por erro, se fan graciosas”. Con ese punto de partida, o autor decidiu montar “unhas pequenas obras de teatro, unha especie de xoguetes escénicos” de duración variable, entre os 13 e os 25 minutos, agrupadas neste volume “sen máis intención que a de que resulten divertidas”.
Aquí, na prensa, Graña atopou un filón. “Para min é como ir a unha sala de espectáculos de varietés ou a unha montaña rusa. É, digamos, un parque de atraccións literario. Lendo a prensa podes pasar do medo á ledicia, da tristura ao terror, e da risa ao pranto, unha chea de emocións e sentimentos que constitúen unha fonte de traballo moi interesante para enfrontar calquera tipo de xénero literario”.
Desa peneira inicial que extraeu da prensa saíron decena e media de “candidatas”. “Traballei cun dobre criterio”, explica Graña, “dunha banda, elixín os que me pareceron que tiñan un carácter máis humorístico e, doutra, os que pensei que podían dar para escenificar, pois se ben algúns eran moi atractivos, á hora de artellar arredor deles unha obra escenificable conlevaban certas dificultades”.
As sete pezas de “Relatos de risa” teñen en común, subliña o autor, “a súa sinxeleza tanto na mensaxe como na forma”, coa pretensión, engade, de que “chegasen ao gran público, que fosen aptas para todo tipo de público”. Nesa liña, Graña considera que boa parte do teatro –e da poesía, resalta– actual “adoece dun certo elitismo, dunha profundidade que o fai pouco asequible ou dixerible para o gran público. A a min o que me interesa é chegar a el, cunha linguaxe coidada e de raíz, pero cunha mensaxe a el dirixida, coa finalidade de provocar no lector ou no espectador unha risa”. Esa reacción considéraa Graña “hoxe máis necesaria que nunca polas circunstancias que vivimos”.
Agora o autor traballa na montaxe dalgunha das pezas coa idea de nos vindeiros meses poder levala a escena. “A min gustaríame que así fose, claro, porque a finalidade última dun autor teatral é ver representadas as súas obras”, conclúe.