Horror

Se un asasinato é unha acción deplorable este elévase á máxima expresión de ignominioso cando a vítima é un meniño. Resulta tremendo comprobar como as crianzas, os fillos, son utilizados como sinistra moeda de cambio entre pais con desavinzas, como se foses obxectos a lanzaren co gallo de provocaren o maior dano posible. Temos demasiados exemplos deste método perverso, o ultimo acaecido en Tenerife onde un pai resentido decide rematar coa vida de dúas meniñas, as súas fillas, para causar o máximo de sufrimento á nai. “Mateinas porque eran miñas” diría este individuo doído polo que fose, que tampouco ven agora ao caso. Estes energúmenos descerebrados chegan a matar por calquera cousa, e cando se trata de asasinar aos fillos fano porque ata ese punto chega o seu concepto e dereito de propiedade: ¡as fillas, ou miñas ou de ninguén!


¿Que pode pasar pola cabeza dun tipo que remata coa vida de dúas meniñas, as súas fillas, que comezan a viviren? O primeiro que se nos ven á mente é un desequilibrio cerebral, un cruce de neuronas que a xeito de cables causa un corto-circuíto, un irreparable fallo de comportamento. Poder ser, pero ten que haber algo máis na personalidade dun parricida : ese instinto destrutivo que chega ata o máis prezado: os fillos. Dámoslle voltas a todo isto por non chagar á conclusión máis doada que sería dicir: ¡este tipo e un animal desapiadado, un monstro! e punto.


Nun caso como este pode máis a indignación que o ponderado análises e eu, malia estar de acordo na meirande parte cos postulados que defendía a nosa insigne Concepción Arenal, non podo por menos que resistirme a aquel que proclamaba: “odia o delito e compadece ao delincuente” que dito así queda moi ben pero diante da enxunlla dun acto como este, compadecer ao delincuente parece que é moito pedir. 


Creo que o delincuente, como o resto dos seres humanos, ten que asumir a responsabilidade dos seus actos e dependendo da gravidade dos mesmos asumir o correctivo que a lei lle impoña. ¿Que outra cousa se podería facer? ¿Previr dalgún xeito este tipo de accións aberrantes? ¿De que xeito? ¿Como poderemos anticipármonos á acción dun asasino? Preguntas que requiren respostas nada fáciles de expor.


Eu espero que este asasino parricida de Tenerife se suicidara, rematara tamén coa súa vida ( por aí tiña que comezar), pois dentro da frustración e indignación, e pensando nesas dúas meniñas que comezaban a viviren, non sinto ningunha compaixón por el, ningunha. Abofé.

Horror

Te puede interesar