O alumnado de sexto de Primaria de Atios completa a peregrinaxe a Teixido

O alumnado de sexto de Primaria de Atios completa a peregrinaxe a Teixido
Os cativos e cativas, onte, ao pé do santuario | concello de valdoviño

Os alcaldes de Cedeira, Pablo Moreda; Narón, Marián Ferreiro; e Valdoviño, Alberto González; así como a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, recibiron onte ao pé do santuario ao alumnado de 6º de Primaria do CPI Atios que completou onte a peregrinación a San Andrés de Teixido.


Os perto de 60 estudantes das tres aulas deste nivel educativo chegaron á capela tras cubrir os vinte e catro quilómetros que separan o seu centro escolar do templo, roteiro que cubriron en tres etapas: a primeira, antes da Semana Santa, entre o CPI e a capela da Fame, en Liñeiro –Vilarrube; a segunda, hai un mes, desde este templo ata a parroquia de San Román, en Cedeira; e a última, que fixeron onte, desde este punto ata San Andrés. Alí recibiron a “teixidela”, unhas tarxetas que acreditan, explicaron onte desde o goberno local de Valdoviño, a súa condición de “gardiáns do camiño vello a San Andrés”.


A presenza da representante da administración autonómica e mais dos rexedores dos tres concellos polos que pasa o camiño –que principia no mosteiro do Couto– responde ao seu interese en promocionar e potenciar conxuntamente a ruta. A iniciativa foi desenvolvida este ano polo centro valdoviñés dentro do seu programa de fomento de hábitos saudables e prevención do sedentarismo a través do deporte, o contacto coa natureza e o coñecemento do territorio.


Desde os Concellos participantes anunciaron que o proxecto terá continuidade.

O alumnado de sexto de Primaria de Atios completa a peregrinaxe a Teixido

Te puede interesar