Eléctricas

Xa estamos outra vez coas recomendacións das franxas horarias para tratar de mitigar o gasto no consumo da electricidade, e iso xa é unha vella historia. Aquí non hai máis cera que a que arde: as eléctricas son empresas cuxo obxectivo primordial é acadaren o máximo de plusvalía pola venta do seu produto. Pero ollo, estamos a falar dun ben público e xa que logo os gobernos deberan teren mecanismos suficientes para evitar que entre de cheo no mercado especulativo. Non, non estou dicindo que sexa necesaria unha nacionalización pero si algunha actuación co gallo de paliaren os abusos que sen dúbida se están cometendo.

Que España sexa un dos países da Unión Europea, senón o país, onde más cara é a electricidade dá que pensar. O recibo da luz sube un 44% e estarán comigo que isto é unha barbaridade. Por outra banda resulta difícil asumir que unha empresa como a eléctrica marque franxas horarias para que o consumo sexa menos custoso para o consumidor, seria como botaren pedras contra o seu propio tellado, así que non nos veñan con milongas pois a vida xira entorno á electricidade e as empresas buscan rendibilidade no negocio. A cidadanía que ve como a tarifa sube con descaro ten difícil organizar o consumo nesas franxas horarias, porque diga o que se diga neste país a pobreza enerxética é unha realidade: quen pode pagar non ten problema pero o que traballa a corenta graos á sombra e non pode pór o ventilador ao chegar a casa porque lle resulta moi caro, é moi duro: ou no inverno non prender a estufa. Iso lles importa un comino ás eléctricas, pero debera importarlle ao goberno. Un 21% de IVA: ai queda iso.

Lembran a recomendación de usaren lámpadas de baixo consumo, ¿non si?. ¿Notaron que pagaban menos por iso? ¿Vírono nese recibo indescifrable? Non, eu non notei ningunha vantaxe. Como o das franxas horarias non é novo ¿houbo algún beneficio para o usuario que pasaba o ferro a partires das doce da noite, ou enchufaba a lavadora ou o lavalouzas de madrugada? ¿A que non? Pois iso, a seguir tragando co que nos botan e a calar.

Dous expresidentes do noso goberno, José María Aznar e Felipe Gonzalez formaron parte dos Consellos de Administración de dúas das máis poderosas empresas eléctricas Endesa e Gas Natural, e eses postos significan valer polos intereses dos accionistas. Que curioso ver como dous personaxes que tiñan que velar polos intereses da cidadanía pasan a defender os intereses dunhas empresas que esquilman á cidadanía. ¡Hai que ver como nos enganan!


Eléctricas

Te puede interesar