Nuno Sousa Vieira, na Galería Vilaseco

E Nuno Sousa Vieira ( Leiria, Portugal. 1971), doutorado en pintura pola Facultade de Belas Artes de Lisboa, Docente no Instituto Politécnico de Tomar e Profesor Convidado na Facultade de Belas Artes de Lisboa, expón na galería Vilaseco unha serie de obras que formaron parte da mostra LINHA FUNDA realizada en 2020 na Fundaçâo Carmona e Costa de Lisboa e cuxa temática é a observación do ceo estrelado dende o fascinio que, na óptica humana, produce a misteriosa vastedade cósmica. Nela vai implícita toda unha fonda reflexión fisiolóxica e ontolóxica sobre o feito de ver, a cuestión da mirada e as maneiras de representación plástica co seu corolario de subxectividade, que él define de xeito poético coa lenda “Não me lembro da primeira vez que ollei para o céu”, que inclue a idea das moitas lagoas que ten a nosa memoria e, por ende, fala das dificultades de coñecer que se acrecentan, ademáis, polos cambios que introduz a acción destructora do tempo. O proxecto “Linha funda” iniciouse coa adquisición dunha caixa de diapositivas que formaran parte dun atlas das estrelas feito polo observatorio de Bonn, entre 1859 e 1903, así naceu ese diálogo seu entre a terra e o ceo, entre o aquí e o alén, entre a pequenez e a infinitude; tamén o levou a replantexar o problema plástico da perspectiva e do fondo-figura. Qué dimensións de vertixe pode ter ese fondo apreixoado polas cartografías celestes e de qué tamaño real son eses puntiños lonxanos que representan ás estrelas, moitas das cales, ademáis, xa non están aí? Seguramente, a única resposta posible é o abraio . Todas as certezas humanas desaparecen e o ceo convértese- como él di- nun “...espaço místico, mítico e simultanemente sagrado...” O tradicional espazo da representación pictórica ábrese as simas da contemplación do inmedible que se computa coma anos-luz. Para dar visibilidade plástica a esta tremenda cuestión establece unha  dialéctica entre o plano do observador, representado por unha transparente retícula pautada en cadrados, e o escuro plano de fondo que representa a estelar inmensidade. Establece tamén unha dialéctica entre as cores brancas dos raiados cartográficos e o negro do ceo, en cadros como os que titula “Estudo para un céu nocturno”; ou ben, ao revés, con tramas de raiados en negro para a serie “Día estrelado”, na que o fondo é blanco. Hai unha terceira serie, que titula “Sol intenso”, onde a estrelada noite descansa sobre un fondo laranxa que tingue da mesma cor o plano cartográfico. Finalmente, nos cadros “Noite profunda” crea con espesos raiados de grafito negro unha especie de muro insondable aínda que con lixeiras fírgoas, que se diría émulo da materia escura, pero que tamén podemos ler coma unha desacougante e nervosa escritura cifrada. En contraponto con esa visión cósmica, hai dúas instalacións: as vellas contraventás de madeira do seu taller e unha réplica dos quentadores que nos baixan ao terreo das necesidades humanas e tamén nos sitúan diante da opacidade e da entropía da luz.

Nuno Sousa Vieira, na Galería Vilaseco

Te puede interesar