Revolta popular en Colombia

Ollada desde o exterior para moita xente Colombia é exemplo de droga, paramilitares, militarismo e guerrilla,.... Aquelas persoas máis informadas sumaríanlle: unha enorme biodiversidade e grandes riqueza minerais, que destaca pola desigualdade social e unha estreita relación co imperialismo hexemónico nun papel subordinado. Unha situación de inxustiza social que foi respondida historicamente a través de masivas loitas populares, que perderon parte da súa eficacia porque as clases dominantes utilizaron no seu beneficio a diversidade étnica e cultural (segundo algúns analistas).

Con estes antecedentes semella lóxico que non lles chame a atención as fortes mobilizacións que se iniciaron hai máis dun mes, en oposición a unha reforma fiscal que afectaba os ingresos das clases medias e baixa, e outra que privatizaba aínda máis a sanidade. Medidas que Iván Duque viuse forzado a retirar, mais isto non freou as protestas. Estas diríxense agora contra un governo que hipoteca o futuro das clases populares, especialmente da mocidade, e para rematar coa represión que suma unhas 65 persoas mortas, máis de 800 feridas, máis 1.600 detidas, e oito departamentos militarizados.

Polo tanto, ten lóxica que Duque só conte cun 18% de respaldo, segundo as enquisas, mentres que o opositor Gustavo Petro gaña terreo, con eleccións no vindeiro ano, e un governo sen moita capacidade de manobra. Motivo polo que hai analistas que ven en certas accións radicais das protestas a man dos servizos especiais (e de paramilitares?) coa intención de desprestixiar e desgastar a revolta popular, e lexitimar como solución a violencia policial.

Aínda é cedo para saber se esta gran mobilización social vai rematar impoñendo unha axenda distinta da que pretende o Governo, representante dunha minoría social, ou consolida avances como en Chile. Agora ben, non ss debe obviar que esta loita ven precedida polo paro agrario de 2013, as folgas de estudantes de 2011 e 2018, e o gran paro nacional de novembro de 2019. Ademais trátase dunha protesta que abanea as grandes cidades, e tamén os medianos e pequenos municipios. E por último, é un movemento reivindicativo que uniu á clase traballadora, campesiños, estudantado, povos indíxenas... ou sexa, ten un carácter transversal que fai súas as reivindicacións laborais, estudantís, do feminismo, dos indíxenas,...

Polo tanto, esta revolta popular en Colombia marca un antes e un despois, e terá consecuencias inmediatas e a longo prazo. A dereita está a recuar na América Latina,... mais non vencida.

Revolta popular en Colombia

Te puede interesar