A derrogación do artigo 315.3 polo Congreso elimina un dos atrancos co que se enfrontaba a mobilización laboral e social, xa que trataba a protesta popular coa mesma vara de medir que actos delitivos. Perante a vixencia numerosos traballadores/as foron condenados con penas de até 8 anos de prisión por participar en piquetes. Porén, aínda está pendente a derrogación da Lei Mordaza, da reforma laboral e das pensións.
As regras de xogo no ámbito laboral estanse tratando na Comisión Social (integrada polo Governo, a patronal e CC.OO e UGT). Son reunións sen luz e taquigrafo, malia que é esencial que os afectados e afectadas coñezan as propostas e debates de primeira man. Daquela que todo indica que como compensación, para tapar a falta de avance nestes temas prioritarios, repítense con “bombo e platillo” as presentacións públicas dos acordos dos ERTEs, despois de escenificar nos medios as diverxencias previas entre as partes. Mentres tanto continúa sen avanzar a derrogación da reforma laboral e a Lei Mordaza, que son claves para equilibrar algo a negociación colectiva e polo tanto mellorar as condicións laborais. Temas como a ultraactividade, a primacía do convenio máis beneficioso para o/a traballador, etc. son básicas para que a clase traballadora consolide as conquistas, conseguidas a maior parte das veces despois de custosas e longas loitas, e non teña que comezar en cada negociación desde cero.
Con relación á reforma laboral a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asegura que neste ano haberá un novo texto que eliminará os aspectos regresivos. Cumprirá? Na práctica adiase unha e outra vez a promesa. Pola súa banda o ministro Escrivá afirmou que está próximo un acordo encol das pensións. Estará garantida a revalorización anual e un ingreso mínimo digno? Distinguirase entre xubilacións contributivas e pensións solidarias, nas que os recursos para estas últimas teñen que saír dos orzamentos xerais?
Nas condicións laborais a cuestión de fondo é que cada vez se concentra e centraliza máis o capital, en prexuízo da clase traballadora, persoas autónomas e pequenos empresarios/as. O sistema é consubstancial coa desigualdade e precariedade, coa desfeita do ecosistema.
Trátase de cambialo, ou cando menos que todos e todas esteamos suxeitos as mesmas regras. Hoxe iso non conta para as corporacións multinacionais e as grandes fortunas, polo que medran as contradicións, xa que produtividade e tecnoloxía só en casos excepcionais tradúcese en pleno emprego e salarios dignos. Non será a chave para o cambio negociar con mobilización?