Os sindicatos cargan contra os recortes do Goberno no Día da Clase Obreira Galega

Os sindicatos cargan contra os recortes do Goberno no Día da Clase Obreira Galega
Manifestaci�n del 10 de Marzo de la CIG

Ferrol, a cidade na que hai 42 anos morreron Amador Rey e Daniel Niebla vítimas da represión policial, converteuse onte un ano máis no epicentro da conmemoración do 10 de Marzo, instituído na súa memoria como Día da Clase Obreira Galega. Os sindicatos celebraron por separado, a CIG por un lado e UXT, CCOO e USTG por outro, unha data na que si confluíron os argumentos: o rexeitamento das políticas de recorte de dereitos no eido laboral e social.

Sánchez Aguión: \“É triste dicir que despois de 42 anos seguimos a loitar polo mesmo\”

As dúas manifestacións partiron ás oito da tarde, desde a praza do 10 de Marzo a dos sindicatos estatais, coa participación dunhas 1.500 persoas, e desde Esteiro a da central nacionalista, con menos dun millar. A primeira rematou na praza de Armas, onde tomaron a palabra os líderes comarcais das tres centrais, e a segunda no Cantón. A CIG contou coa presenza do seu secretario nacional, Suso Seixo, que explicou que as reivindicacións deste ano estiveron centradas no problema do emprego e da emigración.
Seixo sinalou que os 300.000 parados de Galicia e os máis de 100.000 galegos que emigraron no últimos anos, moitos deles menores de 34 anos, significan unha grave perda de man de obra cualificada e unha eiva para o desenvolvemento futuro. O responsable da CIG defendeu a Iniciativa Lexislativa Popular que está a impulsar a central para propoñer políticas dirixidas a fornecer a industria e outros sectores produtivos de Galicia, en lugar das medidas \“activas\” de creación de emprego do PP que, dixo, xa se manifestaron inoperantes, e destacou que \“Ferrol é a zona coa problemática de destrución de emprego máis dura e con perspectivas nada boas\”.
Tamén CCOO deulle aos actos de Ferrol un carácter central dentro de Galicia, coa presencia do seu secretario xeral, Xosé Manuel Sánchez Aguión. No marco da ofrenda floral institucional de pola mañá, Aguión lembrou que Amador Rey e Daniel Niebla loitaban polo convenio colectivo e nun marco de liberdades restrinxido. \“É triste ter que dicir que 42 anos despois seguimos a loitar polo mesmo, por condicións dignas de traballo e de vida, e para que estas se desenvolvan nun marco de liberdade\”, dixo. O máximo responsable de CCOO de Galicia dirixiuse ao \“ministro da represión social\”, en referencia a Jorge Fernández Díaz e a súa Lei de Seguridade Cidadá, para garantir que \“imos pelexar ata o final\”.

Cesáreo Fraga criticou que \“confunden a maioría absoluta coa absoluta impunidade\”

Ao remate da manifestación falaron na praza de Armas Auri Vázquez, a secretaria comarcal de CCOO, e Cesáreo Fraga, de UXT, quen cargou contra o Goberno do PP e o acusou de \“confundir a maioría absoluta coa absoluta impunidade\”. A reforma laboral e as leis do aborto e de seguridade cidadá centraron boa parte das críticas das centrais. Fraga lamentou os últimos dous anos de destrución de emprego e represión e criticou que nestes momentos \“se atrevan a dicir que está chegando a recuperación\”. No seu discurso lamentou que o PP estea a defender os intereses dos máis poderosos, \“especialmente da banca\”, e nomeu varias das empresas auxiliares do naval que en Ferrol están a atravesar serias dificultades, dixo, \“pola falta de decisións políticas\”. Chamou \“pelotón dos torpes\” á cúpula de Navantia e desexou \“que madure a semente de Amador e Daniel\”.
Tomou a palabra por último Gregorio Freire, responsable da USTG, quen defendeu a unidade sindical como o único camiño para enfrontar as actuais políticas populares. \“Cantos parados ten que haber para que recoñezan a reforma laboral como un fracaso\”, se preguntou.
Na manifestación de CCOO participou Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE e coordinadora nacional de EU, que apuntou que \“asistimos a unha demolición de dereitos laborais sen parangón nos últimos trinta anos\”. Díaz apostou por un sindicalismo de \“mobilización sostida\” e mesmo por volver a convocar unha nova folga xeral.

Os sindicatos cargan contra os recortes do Goberno no Día da Clase Obreira Galega

Te puede interesar