Teatro, conversas e música arredor de Carvalho e Xela Arias na xornada de mañá en Armas

Teatro, conversas e música arredor de Carvalho e Xela Arias na xornada de mañá en Armas
O espectáculo “Acuario” de Ghazafelhos e María Canosa abrirá o programa de mañá

Un total de sete propostas dan forma ao programa “Voar sobre a terra” co que o Concello de Ferrol celebrará mañá sábado, baixo unha carpa instalada na Praza de Armas, as Letras Galegas. Todas as actividades serán gratuítas, mais será preciso reservar entrada para cada unha delas, con aforo limitado a 60 persoas –o número de cadeiras dispostas– máis catro prazas para mobilidade reducida. Entre acto e acto procederase á desinfección dos espazos. As reservas teñen que facerse a través de Ataquilla.com.


A actividade dará comezo ás 11.00 horas co espectáculo “Acuario”, con María Canosa e o grupo Ghazafelhos. Poesía e teatro van da man nesta proposta baseada no libro de poemas do mesmo título, obra de Canosa. A xente miúda da casa poderá achegarse así á poesía galega á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica do noso litoral.


O aforo dispoñible para cada unha das actividades está limitado a sesenta persoas


Ás 12.00 horas será a quenda para o escritor Xesús Constenla, que conversará coa xornalista Patricia Hermida arredor da súa novela “O peso do cerebro”. Hermida encargarase de moderar así mesmo a palestra prevista para ás 13.00 horas arredor da figura do escritor e profesor ferrolán Ricardo Carvalho Calero. Bernardo Máiz, Delia Vázquez e Xosé María Dobarro intervirán para reivindicar a obra e achegas do homenaxeado o pasado 2020 polas Letras Galegas, homenaxe frustrada en gran parte pola situación da crise sanitaria. 


Pola tarde


Pola tarde, ás 17.30 horas, Carme Domínguez Prol–unha das creadoras do podcast CafeDerby21– e Xosé Manuel Pereiro –codirector da resvista Luzes e membro do consello editorial de CTXT– analizarán e reflexionarán sobre a situación e papel do xornalismo na actualidade nunha conversa titulada “Prescindamos do xornalismo”.


Chegará a continuación (18.30 horas) o espazo para a ciencia, coa participación do neurocientífico e divulgador Xurxo Mariño, que explicará ao público as pistas sobre o desenvolvemento da nosa capacidade lingüística. A poeta homenaxeada este ano nas Letras Galegas, Xela Arias, converterase, pola súa banda, na proposta que a partir das 19.30 horas levarán a Armas Enma Pedreira e Laura Romero. Botarán man de poemas a dúas voces, colaxes e ilustracións para recuperar e coñecer a figura da devandita autora.


O intenso programa de conmemoración das Letras Galegas pecharase coa música de alumnado do Conservartorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol, que protagonizarán un recital de música galega (20.30 horas). Participarán Aitana López, Alicia Iglesias, Noa Cortizas e Iván Rey; Noa Cortizas, Lara Lorenzo e Lucas Marino; e Omar Calderón e Andrés Rodríguez. l

Teatro, conversas e música arredor de Carvalho e Xela Arias na xornada de mañá en Armas

Te puede interesar