A clase obreira galega e a 1ª Internacional

O pasado Primeiro de Maio conmemorouse en todo o mundo o Dia Internacional da Clase Traballadora, con mobilizacións e actos reivindicativos e de lembranza das loitas históricas, das que tirar ensinanzas e alimentar a conciencia colectiva, comezando pola esixencia das oito horas polos mártires de Chicago, que foi orixe da data escollida pola 2ª Internacional. Manifestacións reivindicativas que tamén se realizaron na nosa nación, tanto nas sete cidades como en numerosas vilas e que contou cunha forte asistencia, malia a pandemia, o que ten importancia cuantitativa e cualitativa.


Para alén das loitas actuais tamén é esencial lembrar que hai século e medio que agromou na Galiza o movemento obreiro organizado con obxectivos de clase, superando o carácter mutualista das asociacións existentes na década dos 50 e 60 do século XIX. Ou sexa, que a nosa nación, malia a existencia dunha economía no agro predominante de subsistencia por mor do carácter subalterno dentro do Estado español, sempre estivo acesa e ligada ás ideas máis avanzadas.


O historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández dinos sobre a introdución da Internacional que foi Ferrol o primeiro lugar en aceptar as novas ideas, xa que en 1871 publicábase nesta cidade “El Trabajo”. A asociación que o editaba tiña como obxectivo organizar aos/as traballadores para acadar a emancipación económica e social. Mais sería a folga do 1 de outubro de 1872 na Coruña, convocada pola 1ª Internacional, o primeiro gran paro na historia laboral de Galiza. Neste contexto o 11 de outubro de 1872, comezou a insurrección no Ferrol de 1.500 soldados da mariña, 850 gardas e operarios do arsenal e uns cen republicanos, co obxectivo de instaurar a República Federal.


A Gran Enciclopedia Gallega tamén indica que as ideas da 1ª internacional (Bakunin/Marx) entraron na Galiza no período de 1870-1871 e que a difusión deste ideario contribuíron ideólogos republicanos federais. A finais de 1871 a Coruña contaba con catro seccións da Federación local: carpinteiros, canteiros, zapateiros e xastres. Ese mesmo ano, cun movemento obreiro achegado ao anarquismo, os da Coruña deciden afastarse do Partido Republicano Federal (o mesmo que, xa como Partido Federal de Galiza, en 1887 elaborou o primeiro proxecto de Constitución para o Estado Galaico). En resumo, a clase traballadora galega, sempre moi ligada ao movemento agrario e á intelectualidade progresista, acumula século e medio de historia, de loita consciente para acadar unha sociedade máis xusta, democrática e soberana. 

A clase obreira galega e a 1ª Internacional

Te puede interesar