Paxariños

Sa hai tempo que están a soar as alarmas en todo o mundo. No noso país parece ser que en poucos anos perdemos máis dun 20% da poboación de gorrións, seica uns trinta millóns de individuos. Eses simpáticos e tan familiares paxariños enchían e aledaban outrora as nosas cidades e campos, dende hai máis de 10.000 anos. Efectivamente, a pouco que miremos arredor de nós, botamos en falta a súa presenza en rúas e prazas. Ás razóns semella que son múltiples: O cambio climático, a contaminación, os insecticidas e por riba os novos xeitos de vida dos homes nos que non se teñen en conta as posibles repercusións na flora e na fauna. Sen embargo hai quen sostén que a sorte dos gorrións é paralela á dos homes ata o punto de considerar a súa posible desaparición como unha sinal de perigo para a humanidade.


Nestes tempos que estamos a vivir, non vexo unha gran preocupación por este problema. Non se está a facer nada por evitalo agás un breve apunte no xornal de cando en vez que pasa desapercibido. É certo que xa temos abondo co Covid-19 pero, como dixen noutra ocasión, pode ser que ambas epidemias estean relacionadas.


Penso que tanto a nivel individual como colectivo, estamos obrigados por moitas razóns a evitar a desaparición destes paxariños, facilitándolles o seu modus vivendi, reprodución, mantenza, e a crianza dos seus fillos, eliminando as ameazas que están acabando con eles, as mesmas que ao parecer, anque en outra medida acabarán coa humanidade. Hai que concienciar á xente neste sentido tamén por razóns estéticas. Unha cidade, un mundo sen paxaros, sen os seus cantos e colorido é, aínda que moitos non o vexan ou non o queiran ver, algo tan triste como anacrónico.


Ata aquí falamos só de gorrións, tamén chamados pardais, pero cal é a situación actual e o futuro de xílgaros, canarios, pimpíns liñaceiros, verderolos, xiríns e demais frinxílidos paseriformes, obxecto todos eles da controvertida Directiva da Unión Europea 2009/147/CE relativa á conservación destas aves, situando a práctica do chamado silvestrismo fóra da legalidade.


Salvemos os gorrións, e con eles as lavandeiras e as anduriñas, que tamén están en perigo. Segundo expertos estudosos, a presenza / ausencia de calquera deles é un índice do estado de saúde dunha cidade. ¡¡Aínda estamos a tempo!!.


¡¡Cántame no peito, paxariño louro, que o teño ferido!!

Paxariños

Te puede interesar