O polo enerxético da Xunta

|

Cando a comarca agardaba que os gobernos do Estado e da Xunta comezasen a concretar os compromisos –via BOE e DOG, que é onde se fan realidade as cousas– para reaxir perante a situación de emerxencia da comarca, seica espertou Feixoo e anunciou que ten un plan para a comarca: convertela nun polo enerxético. Vaites, vaites…


De maneira que o partido ao que pertence o Sr. Feixoo –que leva gobernando en Galiza desde o 1981, agás un período de seis anos– sen exercer as competencias que ten en materia de industria nen reclamar outras novas; seica agora “descubre” que a comarca está en situación de emerxencia. E, para comezar, en troques de nos presentar actuacións concretas para enfrontar situacións coma a que vive o deteriorado tecido industrial da comarca comezou xa o outro día por turrar contra do goberno central.


Razón non lle falta cando alude ao papel das decisións tomadas desde Madrid –tanto no actual goberno coma cando estaba o PP– como causas desta situación de emerxencia. E así levamos cun desmantelamento do naval que se prolonga desde hai catro décadas e cunha malchamada política de diversificación e reindustrialización que, maiormente, derivou inxentes cantidades de recursos públicos para proxectos empresariais que acabaron no peche ou na deslocalización: Poligal, Gamesa…Mais esquece que, precisamente, a función do goberno galego non é fiscalizar ao goberno do Estado, senón precisamente resolver os problemas da cidadanía; exercendo as competencias que ten e, se non chegan, reclamando outras novas.


Resulta verdadeiramente clarificador que a parafernalia montada coa reunión do pasado luns remate nunha proposta da Xunta pola que, en síntese, o futuro da comarca sería o de se converter nun polo enerxético. Propór isto cando dúas das empresas punteiras nese sector –Endesa e Siemens-Gamesa– están a piques de pechar ou ficar deslocalizadas; resulta mesmo esperpéntico.E obviar calquera referencia ao futuro do naval e as súas auxiliares, da rexeneración da ría ou das infraestruturas de comunicación; indicativo da falta de vontade por implementar unha verdadeira política industrial que actúe nesta situación de emerxencia.


Mais algo ficou moi claro da reunión do pasado luns. Que o goberno galego tenta aproveitar a situación crítica da comarca para “colar” os proxectos que ten tramitado ao abeiro dos fondos europeos “Next Generation”. Proxectos que , lonxe de responder a unha planificación industrial do goberno, están ligados aos intereses da banca e grandes empresas que, visto o visto, seguramente repetirán a estratexia de aproveitarse dos cartos públicos para logo facer ao seu xeito. E a Xunta, dimitindo das súas responsabilidades e competencias. Nada novo…


Catro décadas de malchamada reconversión, de liquidación do noso tecido industrial, de abandono das nosas infraestruturas; non foron suficientes para que o Goberno Galego entendese que gobernar é actuar. A enerxía da comarca –a que pode garantir o noso futuro– é a que está vinculada aos sectores produtivos que fian a súa estrutura económica; e o único polo enerxético posíbel é defendelos e potencialos. O polo enerxético do goberno galego semella máis pendente dos intereses das grandes empresas e, coma sempre, da propaganda. Cómpre seguir na rúa…

O polo enerxético da Xunta