Fala pobo, fala

Habla pueblo habla/ vota pueblo vota/ pero no votes/ a quien te explota/ dicía unha vella canción de Pablo Guerrero que eu unha vez cantei en galego. E o pobo falou como en democracia ten que falar: votando. E a voz do pobo ditou sentenza por moito que a touro pasado se lle queira dar explicación convincente a un resultado que, dito sexa de paso, víase vir porque en Madrid...todo é posible. E o posible foi unha vitoria sen paliativos de Isabel Ayuso, si, máis ca do partido que a sustenta. Dicían os eruditos nisto da política que era necesaria unha afluencia masiva ás urnas para que o voto de esquerdas puidese inclinar a balanza a favor dunha opción progresista. Pois ben, houbo unha participación histórica por enriba do 70% e resulta que Isabel Ayuso estivo a piques de acadar a maioría absoluta. Que veñan agora os sisudos especialistas, sociólogos e politólogos a explicaren este fenómeno. Aquí non hai máis cera que a que arde: Fala pobo fala, e falou.


Poderíamos argumentar o que outrora dixeron ilustrados intelectuais respecto a incidencia que pode ter a cultura nisto de saber elixir , que un pobo culto e ben informado é un pobo máis libre, que a liberdade é cultura, etc, etc. En base a todo isto cabería preguntárense si a reflexión acompaña ao votante á hora de decidir ou ben inflúe unha reacción visceral de fartura e cabreo que induce a votar en dirección contraria ao que se votaba. En vista do resultado das eleccións na Comunidade de Madrid é doado pensar que os madrileños teñen os seus problemas resoltos, que seguen a teren a mellor sanidade do mundo, que as necesidades básicas están perfectamente resoltas, que a xestión da pandemia foi e está a ser modélica, que non hai desafiuzamentos na crises, nin apenas xente na lista do paro, que non é verdade que nas residencias de anciáns morreran hóspedes por falta de atención, en fin que non ían cambiar as bondades do Paraíso polas calamidades do inferno. E o pobo falou e votou porque moitos pensaron que a liberdade consistía en poder saír de cañas como dicía a presidenta ¡porque me da la gana! cando Madrid era a comunidade onde o índice de contaxios da covid-19 era o máis alto do país. “Es Madrid ciudad bravía/ que entre antiguas y modernas/ tiene trescientas tabernas/ y una sola librería/ (Quevedo). Con esta porcentaxe que amosaba o senlleiro escritor do século de Ouro, é fácil pensar que pasaba moita máis xente polas tabernas que polas librarías. E polo que se ve esta tendencia segue.

Fala pobo, fala

Te puede interesar