Disco tributo a Andrés do Barro coa participación de grupos da comarca

Disco tributo a Andrés do Barro coa participación de grupos da comarca
O cedé foi presentado onte no Torrente, onde permanece a mostra sobre a figura do cantante e compositor ferrolán | jorge meis

Cando Fernando Fernández Rego e Andrea Lapique –comisarios da exposición– comezaron a artellar a mostra que desde o pasado mes de marzo reivindica no Torrente Ballester a figura e achega cultural do músico ferrolán Andrés do Barro (Ferrol, 1947-Madrid, 1989), tiñan claro que o seu proxecto tiña que ir máis alá da propia mostra. Querían que, unha vez esta pechase as portas –o vindeiro día 23 abandoará o devandito centro cultural–, quedara unha pegada de todo ese material que permite manter vivo o espírito de quen, para Fernández Rego, “é o artista galego máis importante de todo o século XX”, di.


Argallaron así, de xeito paralelo á iniciativa expositiva apoiada polo Concello, a creación dun disco tributo no que quince formacións da comarca de Ferrolterra interpretan algunhas das súas cancións. Amparo Arias, Os Peregrinos, Bang 74, Los Eternos, Todo el largo verano, Lume, Faltriqueira, Papi e Mami-Fantasía coas Palabras, Feed the Pet, Daniel Alonso (Ninhodaguia), Devalo, Willie & Winnie, Oscar Quant, Jacobo & Alberto e The Harriers implicáronse así no traballo producido polo selo local Ferror Records e que onte foi presentado no Torrente. O disco, que ademais inclúe un libriño con fotografías e un texto que repasa a traxectoria de Do Barro así como unha pequena referencia aos grupos implicados, entrégase desde onte –e ata esgotar as 400 copias editadas– como agasallo a todas as persoas que visiten a exposición.


O cedé entrégase desde onte como agasallo a todas as persoas que visiten a mostra dedicada ao cantante


“Penso que quedou estupendo, hai cancións preciosas e moitos estilos. Está a gustar moito”, di o comisario e autor da biografía do cantante ferrolán. Fernández Rego salientou o gran esforzo realizado por todos os músicos participantes, sobre todo tendo en conta as complicacións derivadas da pandemia actual. “Participa gran parte de todo o organigrama pop rock de Ferrolterra”, salienta. O traballo pode escoitarse tamén nas plataformas dixitais.


Recoñecemento

A gravación deste cedé reforza o traballo que desde hai anos veñen desenvolvendo tanto Fernández Rego como Andrea Lapique –filla do cantante–, entre outras persoas, para reivindicar a traxectoria e achega dun artista que foi autor (tanto da letra como da música) de catro números un nas listas de vendas nacionais (“O tren”, “San Antón”, “Corpiño Xeitoso” e “Pandeirada”) en plena ditadura franquista.


Máis de 500 persoas visitaron ata o de agora a mostra

Máis de cincocentas persoas pasaron ata o de agora pola exposición “Andrés do Barro: Pop, Saudade e Memoria. Unha ollada desde Ferrolterra” que ata o vindeiro día 23 permanece no centro cultural Torrente Ballester. Unha cifra que, de seguro, verase notablemente incrementada estes días coas persoas interesadas en facerse co cedé presentado onte.


“Para min, Andrés Do Barro levaba anos nun ostracismo non merecido. Penso que o que acadou traspasando as barreiras da cultura popular é algo interxeneracional. Andrés foi un grandísimo compositor; o 80 ou 90% dos seus temas son propios; e penso que merece unha serie de recoñecementos que agardo que co tempo vaian chegando. Merece tamén un recoñecemento institucional, coido que en Ferrol e tamén en Galicia, e que merece, ao mellor, un Día das Letras Galegas ou a Medalla de Galicia pola divulgación da cultura galega”, manifesta. 

Disco tributo a Andrés do Barro coa participación de grupos da comarca

Te puede interesar