A mobilización vai a máis

Milleiros de persoas manifestáronse o Día da Clase Traballadora na nación galega respondendo ao chamado das centrais sindicais. Fixéronse mobilizacións en todas as cidades e moitas vilas. No Ferrol participaron máis dun milleiro de persoas nas dúas marchas, segundo os medios, unha convocada pola CIG e outra por CCOO e UGT. Este ano os actos centrais fixéronse en Vigo, coa presenza dos secretarios xerais.


As reivindicacións máis destacadas foron contra o desmantelamento industrial, os despedimentos masivos, e pedindo a derrogación das reformas laborais e das pensións, a Lei Mordaza, o artigo 315.3 do CP, etc. Paulo Carril, secretario xeral da CIG, lembrou que esta central: “leva meses mobilizándose para evitar que a clase traballadora sexa quen pague unha vez máis a crise económica, laboral, social e sanitaria”. Ademais criticou “o feito de que a pandemia está a ser aproveitada para acelerar as transformacións que se estaban a producir na economía (descarbonización) e no traballo (dixitalización, teletraballo, etc) na dirección de manter a hexemonía do capital e dun modelo económico, laboral e social (...) que deteriora as condicións vida e de traballo”.


Ao valorar a data non se pode obviar que, malia a pandemia, a participación foi considerábel, o que deixa en evidencia: por unha banda, que medraron os conflitos laborais e a mobilización tanto en relación co peche de empresas e a redución de cadro de persoal, como para esixir melloras nas condicións de traballo nos convenios; por outro lado, que sen unha forte presión son menores os avances que as conquistas que se perden. En poucas palabras, resulta un saldo negativo se a negociación non vai acompañada da mobilización, da socialización das propostas, ou sexa, da participación e protagonismo da clase traballadora.


E neste último aspecto é onde están as maiores diferenzas entre as centrais sindicais. Polo tanto, que haxa máis dunha convocatoria o Primeiro de Maio e manifestacións realizadas en solitario non é unha cuestión de sectarismo; como se reflicte nos conflitos laborais na empresa e no sector onde se busca manter a unidade, ao que axudan as asembleas conxuntas de base como órganos de decisión (cada vez menos? vexase o metal da Provincia de Pontevedra). As diferenzas entre sindicatos están nos obxectivos estratéxicos, ou sexa, como se entende a xustiza social, a igualdade e a soberanía nacional; mais tamén respecto de cal é o camiño para avanzar (mobilización ou dialogo social). Neste aspecto a historia dá leccións. A loita de clases irá a máis.

A mobilización vai a máis

Te puede interesar