Concurso internacional de piano

Teño amigos que comparten comigo a satisfacción porque Ferrol recuperara o seu Concurso de piano. Nunca perderan a esperanza de que a cousa fose así porque sabían que as partes implicadas aplicaban esforzos para retomaren unha actividade artística que era consubstancial á cidade, que formaba con ela un todo indisoluble. Os afeccionados á música e todo hai que dicilo, os políticos ( e oxalá serva de precedente) camiñaron na mesma dirección.


E xa está en marcha a XXXII edición cun feixe de novidades entre a que destaca unha formidable inscrición de aspirantes, uns premios moi importantes en metálico e unha nova dirección nesta nova etapa que xa comezou. Está por ver se a supresión do límite de idade dos concursantes dará ao Certame outra dimensión. Será moi interesante ver a competitividade entre os novos e os veteranos.


Pero non vou entrar nos asuntos internos do Concurso e si no que este representa para a cidade de Ferrol. En Ferrol hai unha tradición musical palpable, sen dúbida. Músicas que abarcan estilos diferentes entre o que destaca a chamada “clásica” que non clasista. O concurso de piano sempre foi a manifestación cultural que puxo a Ferrol dentro do mapa das cidades musicais por antonomasia. Ferrol carece de moitas cousas que pouco a pouco haberá que ir recuperando, e a vontade para acadalas ten que ser decidida, como aconteceu neste caso.


E agora permítanme que entre no aspecto divulgativo, na necesidade de darlle pulo e promoción a un evento destas características non só importante para Ferrol senón tamén para Galicia enteira.


Santander ten un premio de piano denominado Paloma O´Shea que é máis novo co noso Concurso pero está máis divulgado. Os concertos figuran na canle You Tube e recordo, hai anos, ver na segunda canle de TVE algunha final en directo. Pois ben, nós temos unha TVG que tamén dispón dunha segunda canle cuxo obxectivo debera ser daren axeitada cobertura ao relacionado coa nosa cultura e o “noso xeito”. Cubrir o Concurso Internacional de Ferrol é un obxectivo prioritario e por suposto transmitir ben en directo ou gravada a final do mesmo. O Concurso Internacional de Piano cidade de Ferrol é unha referencia, acredítao o seu percorrido, a súa XXXII edición.


Felicito a todos aqueles que sumaron vontades para recuperaren este Certame ao tempo de desexarlle feliz continuidade neste novo percorrido, sorte á dirección do mesmo e parabéns aos afeccionados que nunca perderon a esperanza.

Concurso internacional de piano

Te puede interesar