A Universidade da Coruña agarda ter operativo en 2023 o novo Centro de Investigación en Industria Intelixente (CI3) que será construido nunha parcela do barrio de Esteiro adquirida ao Ministerio de Defensa. Estas son as previsións que na actualidade manexa a institución académica herculina, que vén de recibir o informe favorable da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en relación á tramitación ambiental para a modificación da zona de uso residenciais a dotacionais.
A modificación aprobada pola Xunta permite ao Concello de Ferrol tramitar a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal precisa para poder proceder á construción do edificio, según explicou onte o reitor da UDC, Julio Abalde. Avanzou tamén que está previsto desenvolver durante o ano actual o proxecto construtivo do novo centro para poder estar en concidións de licitar a obra no vindeiro 2022. O edificio desenvolverase en varias fases a través dunha financiación específica xa comprometida.
Integración politécnicas
Este proxecto de creación dun novo edificio no campus ferrolán para talleres de investigación vinculados principalmente á industria intelixente permitirán materializar a integración das dúas politécnicas, a de Esteiro e a de Serantes, nunha única Escola de Enxeñaría, centralizando así toda a oferta universitaria da cidade no devandito barrio.
Ademais de ter solicitado xa á Xunta a autorización da integración, o campus ferrolán afronta xa desde hai uns meses a reorganización do espazos e servizos nos edificios actuais co propósito de trasladar en canto se poida á comunidade universitaria de Serantes. O ideal, para Abalde, sería que xa o vindeiro curso o alumnado puidera comezar o curso en Esteiro, “pero non imos facer un traslado que supoña dificultar as actividades docentes, polo que o faremos cando estea todo rematado en Esteiro”, comentou.
Obras
Concluidas as obras de acondicionamento na EPS para adaptarse á nova situación e trasladadas ás bibliotecas dos dous centros ao Edificio de Apoio ao Estudo, vaise proceder tamén á reorganización e reubicación de espazos no edificio da Vicerreitoría, para tratar de incrementar os metros útiles nesta instalacións e ubicar alí máis servicios administrativos, cuxo traslado permitirá dispoñer de máis espazo para docencia.
“A Vicerreitoría de Infraestruturas e a do Campus de Ferrol en colaboración cos centros de Esteiro están facendo un magnífico traballo" de reorganización de espazos, salientou Abalde.
“Neste momento é unha situación complicada, porque o espacio é limitado, pero esperemos que en breve tempo podamos aumentalo e lograr así unha situación máis cómoda”, engadiu.
A empresa Beckhoff doa á EUP once equipos baseados no concepto de ordenador industrial
A Escola Universitaria Politécnica, que pronto abandonará a súa tradicional ubicación en Serantes para se trasladar a Esteiro no proceso de integración coa EPS– inaugurou onte nas súas instalacións un laboratorio creado a partir do materiale donado pola delegación española da multinacional alemá Beckhoff Automation. Trátase dun total de once dispositivos de automatización á vangarda da industria, baseados no concepto de ordenador industrial para seren usados nos eidos da docencia e mais da investigación, cun valor económico que supera os 20.00 euros. En maio de 2019, a Universidade da Coruña e devandita empresa asinaron un convenio de colaboración coa finalidade de fomentar o intercambio de experiencia e persoal nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral. Entón, as dúas entidades comprometéronse a facilitar o intercambio de profesionais, profesores e investigadores; a favorecer a participación en proxectos e programas de investigación; a cooperar en programas de formació de persoal de asistencia, investigador e técnico, así como ao asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coa actividades de ámbalas dúas entidades. “Esta é unha demostración máis da colaboración entre as empresase e a universidade, que penso é moi importante, sobre todo de cara á especialización do campus; e por outro lado supón mellorar as infraestruturas que se van empregar para a formación dos nosos estudantes”, salientou onte o reitor da UDC. Julio Abalde presidiu o acto no que tamén participaron o responsable de Expansión de Beckhoff Automation España, Miguel Coca i Llagostera.; o director da EUP, Andrés Piñón; e a vicerreitora do Campus de Ferrol, María Jesús Movilla. A Escola Politécnica de Serantes imparte dous graos (Enxeñaría Eléctrica e Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática); un Grao Aberto en Enxeñaría Industrial; e dous másteres (en Eficiencia e Aproveitamento Enerxético e o de Informática Industrial e Robótica), ademais de dous programas de doutoramento.