O alumnado de terceiro de Primaria do Nicolás del Río, na final dun concurso da ONCE

O alumnado de terceiro de Primaria do Nicolás del Río, na final dun concurso da ONCE
Foto de arquivo dunha actividade no colexio cedeirés

O alumnado da aula de 3ºA de Primaria do CEIP Nicolás del Río de Cedeira, coordinado pola profesora Marta Cameselle Brage, é un dos tres centros escolares que representarán a Galicia na final da trixésimo sétima edición do concurso escolar do Grupo Social ONCE, que desta volta propuxo aos perto de 2.300 estudantes –de 47 centros– que finalmente participaron crear anuncios publicitarios, nos diferentes soportes en función do nivel educativo, sobre os riscos de non facer un uso responsable das novas tecnoloxías.


A través do lema “ConexiON, AdicciOFF. Esto no es un juego”, a ONCE busca sensibilizar a toda a sociedade sobre os riscos que conleva o abuso dos dispositivos móbiles e as redes sociais, de tal xeito que, ademais de convocar o certame, puxo a disposición dos participantes diferentes recursos para traballar sobre o tema.


Os pequenos e pequenas do Nicolás del Río serán, xunto cos alumnos do CEIP de Castrelo de Miño –titorizados pola profesora Mª José Vila Barreiro–, e os de 3º da ESO do colexio Marcote de Vigo –a docente que coordina é Rocío Araújo Álvarez– os galegos que pasan á fase final estatal. O xurado de Galicia estivo formado polo delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o presidente do Consello Territorial da ONCE-Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro; o profesor de Literatura na Universidade da Coruña Andrés Sobrino; e o catedrático de Debuxo Ignacio Pedrosa.


O fallo, o 7 de maio

No que respecta á fase final, o xurado deberá emitir o seu fallo antes do vindeiro día 7 de maio, data límite establecida pola organización do certame.


Polo de agora, os alumnos do CEIP Nicolás del Río recibirán como premio o desfrute dunha actividade para todo o grupo por un importe máximo de 350 euros. Os gañadores da fase estatal recibirán ademais unha tablet co obxectivo de demostrar, sinalan desde a ONCE, que “un bo uso da tecnoloxía é posible”. 

O alumnado de terceiro de Primaria do Nicolás del Río, na final dun concurso da ONCE

Te puede interesar