Persoas en risco de exclusión sacarán adiante un proxecto agrícola nun terreo de Covas

Persoas en risco de exclusión sacarán adiante un proxecto agrícola nun terreo de Covas
A directora xeral de Agader, Inés Santé –á esquerda– visitou as obras que se realizan na zona | d.a.

Unha parcela de 2,5 hectáreas en Espiñeira (Covas), propiedade do Banco de Terras, está a ser transformada nun espazo de produción agrícola que contará con 15 hortas de 400 metros cadrados cada unha; un invernadoiro de 600 metros cadrados; unha edificación para aula de formación, aseos e almacén; instalacións de rego; e sistema de depuración, peche cinexético e enerxía eléctrica a través de fontes renovables. Trátase do Proxecto Horta, unha iniciativa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que combina o impulso á creación de empresas co apoio a persoas novas ou colectivos en risco de exclusión social, para o que se conta co apoio da consellería de Política Social.


A directora xeral de Agader, Inés Santé, visitou onte o avance deste proxecto, no que se invirten 323.000 euros. Ata o de agora, informan desde a consellería do Medio Rural, seleccionouse o terreo, deseñouse o proxecto de actuación, redactouse –por parte do Banco de Terras– o proxecto de execución de augas e rede de regas, a instalación eléctrica e edificios auxiliares. A consellería de Política Social, pola súa parte, está a identificar e seleccionar os posibles beneficiarios desta actuación, tendo en conta criterios relacionados coa súa situación económica e social.


O acabado do edificio farase en madeira de piñeiro para integralo na paisaxe. Ademais, está en estudo ampliar o proxecto e abranguer tamén a formación en silvicultura e a plantación de carballos.


A directora xeral de Agader explicou que se trata de crear proxectos que engloben a administracións, agrupacións de produtores e colectivos sociais en torno a proxectos de distintos tamaños, centrados na produción de autoconsumo, con carácter comercial. Ao mesmo tempo afóndase no asociacionismo. 

Persoas en risco de exclusión sacarán adiante un proxecto agrícola nun terreo de Covas

Te puede interesar