Un libro recupera a memoria solidaria do Cosal de Ferrolterra

Un libro recupera a memoria solidaria do Cosal de Ferrolterra
Ros, Ferreiro e Blanco, os autores do libro, onte na presentación que tivo lugar no Concello de Ferrol | d. alexandre

Coa finalidade de defender a liberdade e a dignidade dos pobos de América, o Comité de Solidariedade con América Latina –Cosal– desenvolveu ao longo de década e media, desde 1979 até 1995, unha intensa actividade na comarca de Ferrolterra. Baixo este paraugas solidario, diferentes organizacións políticas e sindicais, entidades e colectivos promoveron actos para chamar a atención sobre a realidade política de países como El Salvador, Guatemala, Honduras ou Nicaragua, inmersos en conflitos nos que se dirimía a súa propia soberanía.


Esa “experiencia solidaria” na bisbarra non fora estudada polo miúdo até que Xaquín Ros, Antón Blanco e Anxo Ferreiro se propuxeron, hai xa dous anos, rescatar a memoria do Cosal. O traballo vén de cristalizar nun volume de perto de 300 páxinas no que os autores abordan, por vez primeira no Estado español –no que se constituíran máis dun cento de comités desta natureza–, esta historia colectiva de solidariedade internacionalista.


Os concellos de Ferrol, Narón e Fene colaboran na edición do volume, que se presentará ao longo das vindeiras semanas nos tres municipios. Primeiro, en Ferrol –mañá venres, ás 19.30 horas no Centro Torrente Ballester–, e os dous próximos xoves –días 22 e 29– no Pazo da Cultura de Narón e na Casa da Cultura de Fene. Os alcaldes das tres localidades participaron onte na presentación do traballo, que se distribuirá non só en Ferrolterra, senón tamén noutros puntos de Galicia e en universidades como as de Compostela, Zaragoza ou Valencia, que teñen manifestado o seu interese en contar con este recurso.


Un dos seus autores, Xaquín Ros, lembrou o marco de “efervescencia política e cultural” no que abrollou o Cosal de Ferrolterra, “en plena reconversión”, precisou, e no que xa estaban a callar movementos como o feminista e a prol da obxección de conciencia.


“Cando nos vimos nós os tres e tomamos a decisión de impulsar este traballo”, explicou Ros, “chamounos a atención que non lembrabamos os acontecementos da mesma maneira”, motivo polo que decidiron “rescatar a memoria colectiva desta experiencia histórica de solidariedade internacionalista que foron os Cosal”.


O contexto histórico no que naceron os comités, recortes de prensa, fotografías ou testemuños de diferentes activistas compoñen unha obra que lembra, segundo subliñou onte o representante do Concello de Ferrol, Julián Reina, “a conciencia solidaria desta comarca”. 


“O neoliberalismo de Reagan e Thatcher foi creando unha mentalidade individualista”

Un dos autores do libro, Antón Blanco Carballo, apunta ao caldo de cultivo que existía na comarca a partir dos anos 60 como a principal causa de que prendera “unha conciencia social reivindicativa e solidaria a favor dos dereitos humanos, das liberdades e da democracia” que volveu a vista nomeadamente cara a América Latina, unha rexión “quente” naquela altura. “Naquel momento”, explicou onte, “había unha implantación moi forte do Partido Comunista de España e Comisións Obreiras que posibilitou a creación dun tecido inconformista a favor da liberdade e da solidariedade internacional”, un posicionamento partillado por “moitas organizacións diferentes” que permitiron a proliferación de Cosal en todo o Estado.


“Ata 111”, precisou Blanco Carballo, “nove delas en Galicia”. “Esa conciencia social tan forte”, engadiu, “supuxo que calquera iniciativa solidaria tivese un gran respaldo”.


Hoxe, a situación é outra e Blanco Carballo sinala que esta conciencia “foise perdendo desde Reagan e Thatcher, co seu neoliberalismo”, que, láiase, “foi creando unha mentalidade individualista que se manifestou en todas as sociedaes europeas”. 

Un libro recupera a memoria solidaria do Cosal de Ferrolterra

Te puede interesar