Sobrevalorar non é optimismo

Ter unha actitude positiva fronte ao futuro é necesario, sobre todo para superar as situacións máis difíciles, por exemplo, o carácter subalterno que ten o país galego tanto no eido económico como político dende hai séculos, e que non se superou coa autonomía, malia que fose un avance. Unha evolución na que 35 anos de governos de dereita teñen a súa responsabilidade.


Mais, ter unha actitude positiva non debe implicar realizar unha radiografa distorsionada da realidade, económica, política, laboral, cultural, lingüística, de xénero, etc. Como é o caso de considerar a chegada do AVE e a rebaixa da AP9 como “feitos históricos”. En todo caso se o son é exclusivamente pola demora. Son un paso adiante, claro, mais, só no tema do tren amoréanse as débedas: modernizar a vía de Ferrol a Ribadeo, hai máis dun século que se planificou unha entre Coruña e a Costa da Morte; debese mellorar a que conecta Ourense e Lugo; e a de Vigo coa fronteira portuguesa, que é estratéxica; etc.


Vexase que por mercarmos a acríticamente a lectura globalización dos mercados, que santifican as corporacións e potencias dominantes, as prioridades foron pospostas e todo o alternativo chegou tarde.


Modernizamos as vías que fortalecen noso papel subalterno, e ficou adiada a construción ou mellora daquelas que dinamizarían o mercado interno e este coas áreas fronteirizas. Coas que poderiamos formar un forte polo económico, que en parte xa existe, malia os atrancos de todo tipo. Falo do norte de Portugal, e as zonas máis próximas de Asturias, Zamora e León.


Era necesario mellorar as conexións con Madrid, porén sobre todo nas comunicacións internas e cos territorios máis próximos, e ademais con outros puntos da península, Europa e o resto do Mundo. Por esta orde. Dise que é cuestión de recursos, mais tamén de definir axeitadamante as prioridades e os ritmos da execución. Para iso cómpre ter un proxecto propio, poder político e unha sociedade organizada. Ou sexa: as competencias esenciais (daquela a importancia dun sistema confederal) e partidos, sindicatos e organizacións sociais, que actúen a prol das necesidades da nación galega.


Xa temos AVE, rebaixas na AP9, é un avance, porén cunha conexión interna pobre e cara; e confrontamos a ameaza dun novo desmantelamento industrial (vexase que moitas son empresas de enclave), perdemos povoación, aumenta a precariedade e desigualdade. Dirase que é unha lectura pesimista, non, é realista. O optimismo está en pensar que esta lousa, a da dependencia que limita o desenvolvemento, debemos e podemos rematar con ela

Sobrevalorar non é optimismo

Te puede interesar