O cantautor Luis Pastor abrirá o cartel da Semana da Poesía Salvaxe

Imaxe de arquivo dunha da pasadas edicións da Semana de Poesía Salvaxe | d.a.
|

Tentarán, porque ese é o seu espíritu e sinal de identidade, que os versos estean, dalgún xeito, presentes tamén nas rúas e prazas, mais a situación sanitaria obriga este ano a celebrar a Semana da Poesía Salvaxe (do 21 ao 24 deste mes) en diferentes instalacións culturais da cidade.


Precisamente no Jofre botará a andar o vindeiro mércores (día 21) a décimo terceira edición da iniciativa impulsada, principalmente, polos autores Guillermo Ferrández e Juan Carlos Valle, Karlotti. O concerto do cantautor Luis Pastor centrará unha sesión prevista para as 19.30 horas e que tamén contará coa participación de Quico Cadaval e Deborah Vukusic. A atista ferrolá Eugenia Sanmartín ecargarase da presentación.


Novo traballo

Pastor presentará na cidade naval o seu último traballo, “La Paloma de Picasso”, no que contou coa colaboración de recoñecidos músicos como Ismael Serrano, Rozalén ou Pedro Pastor, como artistas convidados.


O cantante extremeño é, segundo salientan desde Poesía Salvaxe, un referente non só da canción española de autor dos últimos cincuenta anos, senón de toda unha xeración que despegou nos últimos anos do franquismo, tendo que facer fronte así á problemática social, económica e política do momento.

Ao día seguinte (xoves 22), a actividade trasladarase ao Ateneo Ferrolán, cun recitado matinal con Quico Cadaval (12.30 horas) e outro pola tarde (18.00 horas) na voz de Carlos D’Abreu e Elisabete Marques.


Vukusic e Marques achegarán de novo a súa poesía ao público na xornada prevista para a mañá do xoves na Biblioteca Municipal (12.30 horas) para continuar a cita cos versos pola tarde (19.30 horas) no Torrente Ballester, desta volta coa participación de Víctor M. Díez & Al Suin, Olalla Cociña e Estevo Creus.


A XIII Semana da Poesía Salvaxe pechará este ano a edición no Centro Cívico de Canido, onde o día 24, a partir das 12.30 horas, terá lugar unha intervención poética coa participación de Rosas Negras (Chefa Alonso y Marina Oural), Felipe Zapico, Al Suin e Manolo Bacalhao.


Palabra encarnada

Trala cancelación o pasado ano da cita por mor da pandemia do coronavirus, a palabra encarnada volverá tomar a cidade da man dunha iniciativa dedicada á poesía, esa “arma letal contra a imbecilidade e contra o medo”, di Karlotti, e que segue a ser “un dos terreos creativos máis libres”, engade.


Xunto aos poetas que forman parte do programa, agárdase a visita –na medida en que a actual situación sanitaria o permita– dutros autores e autoras fieis a este encontro cos versos. Nos vindeiros días informarase da reserva de entradas.

O cantautor Luis Pastor abrirá o cartel da Semana da Poesía Salvaxe