Ata sempre, Chatolo

A comezos da semana que acaba de marchar, ese sempre bo e atento amigo –de seis décadas andadas– que é Pepe Criado Labajo dábame a triste nova da morte de Miguel, máis coñecido como Chatolo, un dos primeiros xogadores que recordo ter visto nun campo de fútbol. A tal recinto tiñamos que ir se queriamos ver partidos, xa que nesa altura -temporada 1959-1960- aínda non os podiamos mirar na televisión, pola simple razón de que aínda non chegara aos nosos lares. Foi o ano en que o Racing acabou naquel pozo de non doada saída que era a terceira división. A misiva de Pepe viña acompañada dunhas cantas fotos de Chatolo en formacións do Racing, mais tamén do Arsenal e do Lugo, correspondentes ás temporadas anteriores á súa chegada ao Racing.


Na do Arsenal, da 57-58, só recoñecín, ademais de al el, a Nando e a Sánchez na do Lugo, da 58-59, outros tres: el, Ledo e o porteiro García, que, curiosamente, coincidirían ao ano seguinte no Racing. Das do Racing, tempadas 60 a 63, xa coñecín case todos, agás José Carlos, Tini, Pitos, José Luís, Belmonte, Davila e Posada, que por máis voltas que lle dei non fago memoria de velos no céspede. E seguro que tiven que velos, pois fun seguidor constante, mais... A Chatolo si o recordo con bastante nitidez. Aínda que nos saudabamos pola rúa –porque me coñecía por meu irmá, con quen tivo certo trato– pouco teño falado con el, e sempre me pareceu persoa educada e vitalista, case sempre ás carreiras, con aquel seu paso corto e rápido. Así lembro telo visto non hai moito. Sobre ano e medio, pensaba, mais Pepe Criado aseguroume que tivo que ser bastante antes. Meu irmán, a quen lle comuniquei a nova, que descoñecía, díxome que hai anos non o recoñecera un día que o atopara pola rúa e que a partir de aí lle perdera a pista. Aínda que, como dixen, apenas o tratei téñolle que agradecer ao desaparecido Chatolo as tardes da miña infancia que me alegrou, en anos negros e tristes como eran aqueles de finais dos cincuenta a principios dos sesenta. Aínda que marchásemos para a casa co acre sabor da derrota.


Porque o fútbol, como o cine e os bares, ocupou e segue a ocupar un lugar importante na miña vida

E dos bares que queren que lles diga? Ao bo amigo Carlos García Martínez –auténtico alma mater do Museo do Pobo Galego–, unha das mentes máis lúcidas que coñecín, téñolle escoitado en máis dunha ocasión laiarse polo futuro daqueles rapaces e rapazas moradores en barrios deses modernos onde non hai bares nin tabernas, unha das esencias da vida.

Ata sempre, Chatolo

Te puede interesar