As dúas primeiras vivendas protexidas do plan Rexurbe sortearanse a finais de mes

As dúas primeiras vivendas protexidas do plan Rexurbe sortearanse a finais de mes
O edificio rehabilitado ubícase na rúa Argüelles, en Ferrol Vello | j.m.

As vivendas rehabilitadas do número 1 da rúa Argüelles, avanzada na cidade do proceso de recuperación urbana Rexurbe, sortearanse o 27 de abril entre as persoas que estean inscritas no Rexistro único de demandantes de vivenda e que teñan mostrado a súa preferencia por Ferrol.


Son as primeiras vivendas de protección oficial promovidas dentro deste plan de compra e rehabilitación de inmobles ruinosos que quedan listos para usos residenciais. O Instituto Galego de Vivenda e Solo investiu 406.000 euros nesta obra, que o presidente da Xunta e o alcalde ferrolán visitaban o pasado 8 de marzo, con motivo da súa finalización.


Este organismo dispón na cidade doutros 18 inmobles para a súa rehabilitación ou para a construción de novos edificios, dentro deste mesmo programa. Teñen distintos ritmos, e algúns deles están xa en proceso de adxudicación, mentres que noutros se está a redactar o proxecto.


Están en licitación o número 7 da rúa Rastro, do que se obterán dúas vivendas por un importe de 384.245,36 euros, e tamén, de forma conxunta, a rehabilitación do número 8 da rúa Carme Curuxeiras e a construción dun novo edificio nos solares 22-24 da mesma vía. Neste caso a inversión prevista é de 1.277.838,24 euros.


Noutra fase, segundo indica a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, están outros dez inmobles, próximos á súa licitación, co obxectivo de que ao longo deste ano poidan empezarse os traballos, ao igual que coas obras que xa están licitadas.


Outros cinco edificios están no proceso de redacción dos proxectos de rehabilitación ou construtivos, segundo o caso.


O programa Rexurbe púxose en marcha en 2018 co obxectivo de actuar de forma directa en conxuntos históricos degradados, a través da adquisición de inmobles destinados a uso social.

As dúas primeiras vivendas protexidas do plan Rexurbe sortearanse a finais de mes

Te puede interesar