Na bochornosa tarde de antonte o Club de Prensa de Ferrol presentou. no salón de actos d’Afundación, o libro-disco Cantando a Carballo/Carvalho Calero de José Luis Fernández Carnicero. O recalmón convidaba ao lecer repousado e nesa conxuntura que mellor cousa que escoitar música -interpretada ao piano polo autor das composicións xunto á voz de Xico Paradelo- nun espazo acolledor, que estaba practicamente cheo, tendo en conta as condicións de seguridade esixidas pola situación pandémica.
O breve volume recolle 16 poemas -que se reproducen acompañados da correspondente partitura- tomados da práctica totalidade dos libros de versos publicados por don Ricardo. Desde os publicados antes da sublevación militar de 1936 -Vieiros e O siléncio ajoelhado- ata os publicados após a morte do ditador -Futuro condicional, Cantigas de amigo e outros poemas e Reticências, pasando polos dados á luz en tempo de ditadura -Poemas pendurados dun cabelo e Salterio de Fingoi- co que consegue presentar un panorama moi ilustrativo da relevante obra poética do profesor ferrolán. Tratándose de poesía cantada non pode estrañar que fose Cantigas de amigo... o que achegase case a metade das composicións. Excelente xeito de render merecida homenaxe ao ilustre catedrático.