O irrelevante e o importante

A relevancia dalgún misterio é enorme, sorprendentemente, impresionante. Pode ser tan grande como falsa. Ao falar de misterio veñen á memoria aqueles versos de Rubén Darío:

Y la vida es misterio, la luz ciega / y la verdad inaccesible asombra; / la adusta perfección jamás se entrega, / y el secreto ideal duerme en la sombra.


A verdade asombra e o segredo dorme na sombra. Efectivamente, hai representantes do pobo noso, de nós, que gobernan agochando a realidade, dándolle a importancia que non ten ao irrelevante, facendo -se é o caso- honra a aquilo que dicía Mencken respecto dos demagogos, “aqueles que predican doutrinas que saben que son falsas, a persoas que saben que son idiotas”. Aí está, meus amigos, a deriva dos fanfarróns que andan na política buscando algún misterio inconfesable para ter réditos indicibles, absolutamente inefables.


O irrelevante non é máis que iso, non é nin será nunca importante, non dará máis de si nin poderá saír da escuridade da cova, aínda que para alguén teña como significado a decepción. Perdón! O significado da traizón. O importante é outra cousa, permanece, revive e mantense entre as xentes e nas súas memorias, como un ben, un patrimonio, o patrimonio da memoria individual e colectiva.


Que triste! Nestes tempos de eleccións permanentes e de desacordos continuados, todo aparece amalloado coa súa “sen importancia”, coa súa aparencia desinteresada e co afán de estender o dominio para que a sombra sexa permanente e cultivada. A sombra da sombra alongada, prolongada ata a onde se poida. E, o pobo? Dio moi ben a Tía Manuela, “o pobo ten a razón, o sentimento, o corazón e a forza. Polo tanto, adiante!”.


Eles e elas, ministros e ministras, as da casta ou os da caspa, teñen a obriga de circular con atención aos pasos de peóns, de reflexionar (se poden) e de procurar que o importante sexa prioritario en todo, nos debates do goberno, no parlamento, nas televisións das distintas cores e nas redes socias. Na economía, na educación e na saúde.


Aquelas persoas que ditan, elaboran e aproban as normas non poden conformarse con conclusións insignificantes ou con miradas de reproche aos contrincantes no campo electoral, na procura dos votos. Non poden nin deben consentir que os adversarios coarten as liberdades e, moito menos, sumarse a esas restricións triviais que, probablemente mal intencionadas, proveñen do “ordeno e mando”. 

O irrelevante e o importante

Te puede interesar