O ara alén de que Biden queira volver ao pasado, sendo igual ou máis agresivo que Trump respecto daquelas potencias que lle disputan o espazo, co que isto implica de confrontación e perigo para a humanidade. Ademais, todo indica que está é unha tarefa irrealizábel, tanto no económico, como no militar, mesmo porque o mundo non dá sostido por moito tempo este sistema económico e social. Non se mantén no ámbito das materias primas, da desfeita ecolóxica, no desequilibrio e presión demográfico, na estrema mobilidade, no amoreamento urbano e baleiro do rural, no medre da precariedade e desigualdade, da violencia, da economía delitiva e especulativa,...
O cambio climático é un aviso, porén tamén as migracións masivas, as guerras interminábeis, os países que se reproducen sen control e os que sendo ricos non teñen fillos e fillas porque carecen de seguridade nos ingresos. Así de duro. Abonda con ver os efectos da pandemia, que se pode repetir, ou dun barco varado na canle de Suez facendo tremer á estabilidade das empresas en todo o mundo. Cantos avións, barcos e satélites pode soportar o planeta indo dun lado a outro? Cando lle poremos límite? Cando haberá conciencia da urxencia de regular esta anarquía consubstancial co lucro e á concentración da riqueza e do poder? Cando limitaremos e regularemos a globalización?
Evidentemente non todo é malo, hai avances científico técnicos en todos os eidos, tantos que se houbese un reparto máis xusto poderían todos e todas as persoas estar a traballar menos horas, producindo abondo e tendo máis tempo de lecer en beneficio da actividade cultural, deportiva, recreativa, ou sexa dun mundo máis habitábel. En troques, mesmo nos países máis avanzados, son morea as persoas que traballan máis das oito horas diarias, e outras que non poden facelo aínda que o desexan e necesitan. Dirase que hai subvencións, axudas,... mais non é igual, a que os ingresos compensen o esforzo persoal. Pregúntenlle ás persoas que están nas colas para poder comer.
Son progresistas os ERTEs, porén que pasará cando rematen? É positiva a aposta pola enerxía verde, mais de pouco vale se medra a presión demográfica e a mobilidade do transporte. E iso implica solidariedade para que as persoas podan producir e vivir nos seus países dignamente (economías autocentradas e sustentábeis). Cómpre un reparto xusto do traballo e da riqueza producida, e respecto polas nacións, polas culturas, pola natureza e pola xente. Poñer os avances científico técnicos ao servizo de todas as persoas. Cómpre máis estratexia e menos tacticismo.