San Romero de América morreu polos pobres

O día 24 de marzo cumpre o 41º cabodano de Monseñor Oscar Arnulfo Romero Galdámez, arcebispo de San Salvador, San Romero de América, profeta e mártir.


O seu nomeamento de Arcebispo en El Salvador foi ao comezo unha acollida de satisfacción polos ricos, conservadores e tradicionalistas pois vían que estaría ao pairo das súas inxustizas e abusos criminosos. Mais o seu despertar diante da realidade foi un milagre do que se alegraron sacerdotes e en xeral o pobo que tiveron nel unha defensa sen tregua.


Monseñor Oscar Arnulfo Romero foi un bispo de América Latina que lle tocou ser pastor nun ambiente golpista militar de tal criminalidade que non me atrevo a describila aquí para non ferir a sensibilidade humana dos lectores, fornecido pola política de norteamericana, e falta de apoio pola curia vaticana. 

Despois de suplicarlle ao Papa ter unha entrevista para conseguir algún apoio na súa pastoral, Xoán Paulo II concedeulla mais esixíalle prudencia e obediencia chegando a dicirlle: “póñase a ben coas autoridades”. E Monseñor Oscar Arnulfo retrucáballe: “Santo Padre, matan aos campesiños, matan aos sacerdotes”.


Antes do seu martirio experimentou o asasinato de cinco sacerdotes seus: Rutilio Grande, Alfonso Navarro, Rafael Palacios, Alirio Napoleón e Neto Barrera. Nos seus enterros, diante dun contexto do seu pobo martirizado, chegou a expresar o seu contento pascual: “me alegro, hermanos de que nuestra iglesia sea perseguida precisamente por su opción con preferencia por los pobres y por encarnarse en el interés polos pobres”.


Parece ser que as súas denuncias proféticas chegaron ao cumio cando proclamaba o chamamento ao exército e sobre todo ás bases de Guardia Nacional: “hermanos son de nuestro mismo pueblo, matan a sus mismos hermanos campesinos...ante una orden de matar... ningún soldado está obligado a obedecer una orden contra la ley de Dios, que dice no matar... En nombre de Dios y en nombre de este sufrido pueblo cuyos lamentos suben hasta el cielo cada día más tumultuosos, les suplico, les ruego, les ordeno en nombre de Dios: ¡cese la represión!”.


Fóronlle chegando as ameazas de morte, mais el dicía: “...como cristiano, no creo en la muerte sin resurrección: si me matan, resucitaré en el pueblo salvadoreño...El martirio es la gracia de Dios que no creo merecer. Pero si Dios acepta el sacrificio de mi vida, que mi sangre sea semilla de libertad...Si llegasen a matarme perdono y bendigo a quienes lo hagan. Un obispo morirá, pero la Iglesia, que es el pueblo, no perecerá jamás”.


O 24 de marzo de 1980 é asasinado cando dicía a misa na capela San Salvador. O día do seu enterro as forzas militares e paramilitares apostados nos tellados dos edificios do arredor balearon a xente que arrodeaba a catedral ateigada de fieis admiradores do seu bispo, resultando varias vítimas mortais. Todo con ánimo de alterar o entusiasmo do xentío. Mais non só no seu pobo senón tamén no mundo enteiro perdura a súa memoria:


O seu amigo da alma e noso admirado Pedro Casaldáliga dedicoulle un poema onde aparece a súa canonización polo pobo: San Romero de América Pastor y Mártir Nuestro.


Trece bispos, chegados de diversas partes do mundo, firman un longo manifesto onde “renden homenaxe ao pastor, testemuña fiel de Xesús, defensor da xustiza e dos pobres”


Na abadía Westminster en Londres onde existe unha homenaxe aos dez Mártires do século XX consta a súa memoria entre Martín Luther King e Dietrich Bonhoeffer.


O 14 de outubro de 2018 foi canonizado polo Papa Francisco.


Desde aquel ano de 1980, na parroquia de San Xoán de Filgueira, Ferrol, perdura tamén a súa memoria.

San Romero de América morreu polos pobres

Te puede interesar