Que foi da derrogación da reforma laboral?

Un dos aspectos principais polos que o PSOE acadou a Presidencia do Governo central foi o compromiso da derrogación da reforma laboral e das pensións e do artigo 315.3 do Código Penal, xa que así o exixían os partidos da esquerda nacionalista, e o seu futuro socio no Executivo. Sánchez aceptouno sen maior problema xa que estaba presente no seu programa de Governo. Mais, o tempo vai pasando e aquel compromiso nunca se concreta, sempre hai algunha escusa para adialo: a pandemia, a crise económica... 


Por se non abondase a Ministra de Economía, Nadia Calviño, que acaba de ser premiada polo Presidente cun ascenso a vicepresidenta 2º, manifestase abertamente en contra das derrogacións facendo fronte común coa CEOE.


É necesaria a restitución de dereitos básicos que foron roubados á clase traballadora, como a primacía dos convenios de sector, a negociación previa entre as partes para un ERE, a ultraactividade dos convenios... E eliminar a demora na idade e redución da contía da xubilación, ou as medidas represivas contra a protesta laboral. Isto non implica que a clase traballadora non se vexa obrigada a ter en conta a caída nas vendas e un lucro negativo. Algo que sabe a patronal e o Governo central.


A cuestión de fondo é, que a derrogación destas reformas axuda a restituír dereitos básicos para un reparto xusto do excedente, entre a clase traballadora e o capital, dos beneficios producidos. Polo que en situacións de crise evita condicións laborais regresivas que se pretenden manter indefinidamente. E, cando a actividade económica produce beneficios, permite mellorar as condicións laborais, que pola contra, por mor destas reformas negativas, fóronse deteriorando na última década (eventualidade, rebaixa salarial, medre da xornada e dos ritmos de traballo, falsos autónomos/as, etc).


Porén, ademais non se pode obviar que na pandemia non todas as empresas están pasando un mal momento, depende do sector, e mesmo de cada empresa, polo que manter este marco que resta dereitos á clase traballadora axuda a afondar a desigualdade entre clases. A concentración da riqueza en moi poucas corporacións non só ten que ver cun un sistema que alenta a desigualdade, coa falsa escusa da liberdade e a competencia, senón ademais co feito de que nas últimas décadas leváronse adiante políticas regresivas no reparto da renda, reflexo dunha perda de poder político da clase traballadora. Abonda con ver a presenza destes temas no debate institucional, malia que as mobilizacións obreiras son maioría e as máis numerosas.

Que foi da derrogación da reforma laboral?

Te puede interesar