Memoria do compromiso

No aniversario de Duarte, fillo benquerido, que naceu coa primavera


Cando chegamos a determinadas idades acaban por desaparecer case que todas as présas -esas que nunca son boas conselleiras, abofé- que nos acompañaron ao longo dos anos das nosas vidas. Os que estudamos literaturas vímonos a miúdo na obriga de ter que ler moitas obras apresuradamente, o que trouxo consigo que mesmo algunha delas nos puidese parecer tediosa, como consecuencia de non dispor do tempo preciso para lle tirar todo o partido que, sen dúbida, se podía. Tal así as digresións morais de El Guzmán de Alfarache, por poñer un exemplo.


Comparto totalmente a afirmación de Lobo Antunes de que leer un libro é unha historia de amor, así como a súa advertencia do perigo de que o libro non esteña contento connosco. Creo que non corro ese perigo co libro ao que me vou referir nestas liñas: Isaac Díaz Pardo / Memoria do compromiso, da autoría de Xosé Ramón Fandiño, publicado pola Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago.


Fandiño, coa pisada firme e segura que lle proporcionaron os seus achegamentos anteriores á figura do intelectual compostelán –a monografía Isaac Díaz Pardo. A patria enteira na memoria (2008) ou as edicións e prólogos de A luminosa mirada dos ollos de Isaac. Obra dispersa (2012) e O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo. Colaboracións xornalísticas, 1963-2009 (2018)–, camiña polo vasto universo isaaquiano para nolo ofrecer nun conxunto, dividido en oito parcelas, xa temporais, xa temáticas, ao que lle engade unha bibliografía e unha cronobiografía.


Nun relato pleno de verdades e paixón -que é moi de agradecer-, Fandiño dá cumprida conta da peripecia vital e creadora de Díaz Pardo, desde 1920, en que viu a luz na compostelana rúa das Hortas, ata 2012, cando deixou de estar entre nós nun hospital coruñés.


O compromiso imprégnao todo, pois Isaac e compromiso son nomes inseparables, como se un chamase polo outro, e viceversa. A memoria de Isaac coa que nos quixo agasallar o Fandiño, xa que logo, non podía ser outra que non fose a do compromiso. Un compromiso vital unido a outro de lealdade para con el, o de quen soubo permanecer ao seu carón ata ao final, mentres outras xentes xa andaban procurando outros acomodos e outras amizades. Iso que adoita pasar, que máis queren que lles diga. Por iso o Fandiño, con coñecemento de causa, a verdade por bandeira e a paixón precisa é quen de nos deixar esta obra de insuperable factura.


Compromiso atopámolo xa no deseño e confección de cartelería e graffiti a prol do Estatuto de Autonomía do 36 ou na decisión de abandonar a pintura profesional por entender que en tempos de prohibicións era un baldón e unha necedade e por non querer pintar para Franco. Como tamén na posta en marcha e no labor desenvolvido polo Laboratorio de Formas, as Ediciós do Castro, o Museo Carlos Maside, o Instituto Galego da Información. E no que pintou cando xa non era profesional, nos versos e carteis de cego que escribiu e deseñou, nas columnas xornalísticas. De todo iso queda constancia precisa nas páxinas desta Memoria do compromiso, tan primorosamente deseñado e ilustrado por Xaime Fandiño.


Mais, con todo, Xosé Ramón Fandiño quixo deixar ben claro que “o máis salientable das mandas de Isaac son as causas xustas que defendeu incansablemente, a loita pola dignidade, o sentido ético que lle imprimiu ás súas empresas, afastadas de calquera tentación especulativa”. O episodio “Final da utopía” é ben aleccionador e moi necesario coñecelo.

Memoria do compromiso

Te puede interesar