Todos tenemos un precio/ todo se compra y se vende/ El traficante, el artista/ intercambian sus divisas/El esclavo como el rey/ tienen idéntica piel/ dicía Victor Manuel nunha canción aló no 1993 transmitindo unha mensaxe que hoxe non deixou de ter vixencia. En certa medida o cantautor dinos que estamos confeccionados co mesmo material no que figura a ambición, o engano, a traizón e o ande eu quente ríase a xente. En fin, apelamos á miseria moral cando intuímos que unha perfidia nos pode beneficiar. E nesas andaron e andan os que asumiron que si teñen un prezo.
Algún políticos non aceptaron que son funcionarios públicos e que teñen que funcionar en base aos postulados ideolóxicos dos partidos que lles dan acubillo. Un político electo debe traballar para a comunidade dentro dunhas normas establecidas e ter en conta que o seu salario xurde do diñeiro de todos. Saltarse a toureira estas normas supón sacar os pes da maceta e tirarse a un sálvese quen poida e se podo ser eu moito mellor, aínda que para iso se teña que renunciar á ideoloxía, aos compromisos adquiridos e á decencia moral se é que algunha vez tiveron algunha.
Unha mostra do que estou a dicir a temos no acontecido estes días na Rexión de Murcia cun novo episodio de transfuguismo onde tres membros de Cidadáns en dous días cambiaron de parecer logo de aceptar un prezo pola súa traizón. O señor Egea, sabedor de que estes personaxes entrarían na poxa, saíu correndo para ofrecerlles ese puñado de moedas coas que comprou as súas corruptas vontades.
Tres personaxes na procura dun autor: o poderoso cabaleiro. Descoñezo, imaxino que os lectores tamén, as achegas e propostas feitas por estes aproveitados á política murciana, o máis probable é que ¡NADA! e agora que van estar formando parte do goberno cabe supor que máis do mesmo, cobrar si algo máis porque ese foi o prezo a súa miseria moral. Para que isto funcione así é preciso a decadencia ética dos protagonistas. Política nauseabunda á que estamos cada vez más afeitos.
Dixerimos política putrefacta e iso inevitablemente provoca vómito aos que non están instalados na putrefacción, que algúns afortunadamente quedan, así que é preciso atopar un antiemético que mitigue as arcadas provocadas por estes pútridos personaxes que provocan alento fétido á política. Expulsalos, iren para casa, é o menos que poderían faceren, pero mentres estea aí o diñeiro polo medio e os espurios intereses na compra de vontades, difícil vai ser.