A centralidade da redución da xornada

A pandemia evidenciou a fraxilidade da humanidade, por mor da ruptura do equilibrio coa natureza. Mais, o capitalismo sustentase no aumento da produción, da mobilidade, do amoreamento urbano, na deslocalización, nas migracións masivas, no medre da concentración e centralización da riqueza e do poder. Son dinámicas que cuestionan a expansión económica e demográfica. Un modelo que chegou ao límite, tanto polo esgotamento de recursos, como pola densidade demografica, como pola deforestación e cambio climático, como pola desigualdade.


O capitalismo está na súa etapa senil, como a definía o sociólogo exipcio Amir Samin. Só se pode manter (coa perspectiva actual) mediante a confrontación para gañar mercados e aumentar a taxa de lucro, e con mecanismos de represión en cada país. Daquela que o voto teña cada vez menos peso nas decisións dos governos, e os aparatos de seguridade non deixan de medrar, aínda que se reduzan os exércitos. A escusa é o crecemento da violencia e delincuencia, alentada polo medre do desemprego, a marxinalidade e unha cultura que pon o acento na saída individual.


Esta evolución negativa, o medre das contradicións, amosa que os grandes progresos científicos técnicos por si sós non mudan as tendencias sistémicas, que depende de que clase social e potencias o controlen. Ademais, este proceso non é totalmente novo, deuse por coa introdución do vapor e enerxía eléctrica na industria e transporte. A resposta fronte a caída dos salarios e o desemprego foi a destrución da maquinaria, e sobre todo a concentración e centralización da riqueza, e unha extensión da cadea de valor e do papel subalterno das colonias e países dependentes no proceso produtivo. Unha tendencia regresiva á que lle puxo freo un forte movemento obreiro mobilizado, os procesos de liberación nacional,... os contratos colectivos, aumento dos salarios, e sobre todo a redución da xornada.


Polo tanto, o progreso científico técnico, máis unha vez, hoxe aumenta a precariedade e reduce os salarios, en beneficio das grandes fortunas e das potencias mundiais. Só implicará un avance no laboral e social se a clase traballadora conquista a través da loita a redución da xornada, repartindo o traballo e os ingresos en función do esforzo de cada persoa, de cada clase e de cada nación. Evidentemente asociado a unha mellora dos servizos e prestacións públicas, dunha fiscalidade equitativa, da igualdade e solidariedade. Non se poden ignorar os avances científico técnicos, nen quen os controla, nen as limitacións do planeta.

A centralidade da redución da xornada

Te puede interesar