A igrexa de Ferrol no 10 de marzal

ando chega este día, 10 de marzo, teño sempre na memoria o ano de 1972. Ese foi o día de “loita” obreira fronte aos “grises” que responderon disparando con fusís e metralletas contra da manifestación de traballadores da Bazán no lugar da avenida das Pías. Aquel día levanteime cedo e saín á rúa vendo que obreiros regresaban cheos de espanto para as súas casas. Non me cabía na cabeza o que escoitaba: “hai mortos, hai mortos!”. Ademais de moitos feridos de bala houbo dúas vítimas, Amador Rei e Daniel Niebla, que estarán na nosa memoria para sempre.


A partir deses momentos nos que reinaba o espanto por toda a cidade, tomada polas forzas policiais, algúns fomos ao Hospital de Caridade para doar sangue se facía falla, onde estaban os feridos máis graves. Outros procuraron as curas por facultativos ás agachadas para evitar o expediente. Os dous enterros en días distintos coa asistencia da familia arrodeada de persoas rigorosamente limitada pola policía, foron presididos por Antonio Martínez Aneiros, cura párroco de San Paulo, e pola súa indicación e con emoción que provocou saloucos, todos afincamos na terra os xeonllos diante do féretro, incluso o fixeron os compoñentes do control policial.


Cal foi a actitude da Igrexa diante deste feito tan grave? O movemento fronte a ditadura franquista xa comezaba a ser claro en certo ámbito da Igrexa. Tiñamos as directrices da doutrina do Vaticano II que expresamente, no caso que nos ocupa, declaraba “un dos dereitos fundamentais debe contarse co dereito dos obreiros a fundar libremente asociacións que representen autenticamente ao traballador. En caso de conflitos económico-sociais, admite, aínda que en caso extremo, a folga para o seu logro das aspiracións xustas dos traballadores”. Mais en España esta doutrina era practicamente letra morta para a xerarquía que placidamente seguía co agasallo ao ditador. como se fora xa suficiente cos sindicatos do réxime.


Mais non foi tan aquiescente diante dos sucesos de Ferrol. O bispo, Miguel Anxo, veu ás présas desde Madrid, onde asistía á asemblea episcopal, e aprobou e firmou a carta de condena da famosa homilía que tiñamos preparada cregos de Ferrol. Non podíamos calar diante das autoridades que mandaron disparar para “asasinar”; digo “asasinar”, porque malia a que foi vituperada arreo polos franquistas, non había outra palabra para denunciar o feito de metrallar a centos de manifestantes, aínda que só fora un, non deixaría de ser asasinato, e puido ser unha masacre. Como se pode comprobar, a intención de quen deu a orde non era outra, como tiña por costume a represión franquista contra calquera tipo de reclamación pública, que para estes foi sempre o exterminio dos comunistas “roxos”.


Foi aquela unha homilía longa e ben temperada; o dereito do traballador por buscar a súa dignidade, liberdade de sindicación, deixando claro a desproporción e desigualdade entre o capital e o traballo. Mais a denuncia máis clara foi esta: “Ante la muerte de Hermanos nuestros, sólo oímos la voz del Sinaí: No Matarás, oímos también la voz del mundo actual que busca medios pacíficos para eliminar la violencia y la muerte”.

E como foi a proclamación da homilía polas parroquias?. O libro de Rosa Cal, Los Curas contra Franco, Ferrol 1950-1978, responde amplamente a esta pregunta, onde aparecen as reacciones da homilía. Houbo párrocos que non a leron aínda pensando na desobediencia ao mandato do bispo: esa foi a maneira do párroco da concatedral de San Xiao, que asi mesmo lles prohibiu aos seus coadxutores; na castrense de San Francisco o párroco negouse enerxicamente; no Pilar nin o párroco nin un capelán castrense que misa alí os domingos; nos Mercedarios o P. X leuna a desgusto tatexando; no Carme, no Socorro e o reitor dos Mercedarios, resultou accidentada a lectura coa protesta alporizada de moitas das persoas que terminaron por saír durante o que eles chamaban un “mitin político”. Foi notorio o feito de negarse o director da Cope, a emisora da Igrexa, a radiar a homilía.


A nova dos sucesos de Ferrol foi estendida como lume por Galiza e polo resto de España e polo mundo, por medio dos sindicalistas da clandestina CCOO para que chegase a todas partes a verdade sen a criba do réxime. A XOC e a HOAC desenrolaron un traballo eficaz neste obxectivo. En Barcelona a homilía foi proclamada nas comunidades cristiás de base, todo grazas a un cura que viaxou en avión para regresar e espallala tamén en panfletos xa ese domingo inmediato.


Eran tempos en que a Igrexa non era monolítica, incluso dentro da xerarquía. Había unha Igrexa de base que loitaba por unha Igrexa Nova, claramente antifranquista, que quería rachar con nacional catolicismo. Así quedou plasmado na Asemblea Conxunta de bispos e cregos en Madrid, no ano 1971, na que propuxeron esta declaración: “Se dicimos que non pecamos, facemos a Deus mentireiro. Recoñecemos, logo, humildemente e pedimos perdón pois non soubemos ser verdadeiros ministros de reconciliación no seo do noso pobo, debido a unha guerra entre irmáns”. Esta conclusión non foi aprobada por pouco xa que de 247 votos tivo afirmativos 137, e facían falla dous terzos. E nesta aínda andamos. 

A igrexa de Ferrol no 10 de marzal

Te puede interesar