A rede

ciencia avanza que é unha barbaridade” e unha frase que provén dunha zarzuela, “La verbena de la Paloma,” composta por Tomás Bretón aló polo 1894 e que agora usamos todos cando nos referimos as novidades tecnolóxicas que aparecen polo noso escenario da vida. Dependemos de aparellos que ata hai ben pouco nin aparecían nos soños.


Unha desas innovacións que cambiaron o noso devir inmediato foi “Internet” que xurde hai vinte anos e xa saben do envorco incitado pola súa aparición. Hoxe xa non concibimos a vida sen a presencia de internet , e de aí en adiante imos sen pausa cara a nunha revolución sen parangón. Arestora xa estamos todos, ou case todos, prendidos na ”rede”.


En outubro de 2003 ( antonte, case), un tal Mark Zuckerberg, estudante en Harvard, pon os cimentos do que sería a gran revolución nas redes sociais: o Facebook , nado case coma un xogo entre estudantes, cousa que xa todos vostedes saben.


O caso é que ao día de hoxe somos uns dous mil millóns de persoas as que estamos usando esta plataforma compartindo fotos, datos e opinións con xente á que chamamos amigos pero que, na súa maior parte, non coñecemos, e se non estamos atentos o balbordo pode ser tal que a cousa se nos pode ir das mans. Dentro hai xente de dubidosa condición moral que aproveita esta plataforma para insultar, para inxuriar e para o que se lles pase pola cabeza. Non hai mais remedio que andar con coidado . Se colgas no teu tendal unha opinión indo na procura de non molestar a ninguén, pode que saia un maleducado que recorra aos improperios e aldraxes á falta de argumentos. Claro, inmediatamente bloquéalo, pero non hai día no que teñas que estar facendo isto polo que din uns dos outros malia que a cousa non vaia contigo.

Todo isto, sen non es quen de controlalo, pode resultar un pesadelo e dunha pasaxeira diversión pasar a converterse nun auténtico problema. E non paga a pena, abofé. Claro que, coma todo o mundo sabe: hai xente para todo e usan do Twitter e do Facebook como armas para disparar lixo, e nada máis que lixo.

Na REDE atopei con antigos amigos dos que xa nada sabía e serviume para agradables reencontros, pero tamén descubrín nela a xente que non me interesa o cal non deixa de ser unha vantaxe igualmente.

Hai tempo botaron unha rede fora do mar na que todos caemos. O cebo son as facilidades para comunicarnos pero tamén ten os seus inconvenientes nos que moitas veces non reparamos. ¿O prezo?: a renuncia a nosa intimidade que xa non é pouco.

A rede

Te puede interesar