O rato e a montaña

O sábado 27-F acadou vixencia a reforma da Lei de Saúde de Galicia aprobada pola maioría absoluta do PPdeG contra dos votos do BNG e do PSdeG. A primeira na testa, porque unha lei desta caste cómpre acadala dende o consenso político e social e o Presidente que non o vexa amosa non ser estadista. O PPdeG optou pola proposición de lei urxente, sen lle outorgar ás forzas sociais e políticas a capacidade de achega e emenda propia dos proxectos de lei que promoven os Gobernos e non as súas maiorías parlamentarias.


Lembrarán tamén que xusto daquela falabamos que a devandita lei non era quen de marcar obrigatorias as vacinas no noso País, pois que unha decisión deste xeito requiría unha lei orgánica aprobada pola maioría absoluta do Congreso estatal. Canto ás vacinas a reforma é, só, propaganda.


Para alén diso, a reforma do Partido Popular alicérzase nunha doutrina trabucada de base: a que coida que hai que loitar contra as pandemias con medidas represivas que poñan o foco na responsabilidade individual da ciudadanía, no canto de polo na adopción de políticas eficientes que lle dean á sanidade pública galega as ferramentas xurídicas, administrativas, organizativas e, por riba de todo, os medios materiais e personais precisos para loitar contra a doenza.


Outro erro gravísimo, moito máis nun País como Galicia, onde case o 40 por cento das mortes producíronse nas residencias de xestión privada, suxeitas á inspección e control da Xunta de Galicia. Ë dicir, onde os incumprimentos privados non tiveron case efecto.


Hai, tamén, outras cousas negativas nesta reforma, que veñen de reflectir dende a Asociación de Defensa da Sanidade Pública Galega. Como a advertencia da OMS contra a obrigatoriedade dos tratamentos e probas (agás circunstancias excepcionais pandémicas non definidas a xeito nesta reforma legal), o excesivo poder que se lle outorga, polo menos durante 48 horas, aos funcionarios policiais non sanitarios que poden mesmo pechar cautelarmente (un máximo de 48 horas) os equipamentos sociais e establecementos empresariais e máis a multiplicación de controis tecnolóxicos indefinidos sobre a cidadanía.


É dicir, a reforma da lexislación sanitaria galega do PPdeG non resolve problemas e pode afectar liberdades, constitúe unha operación de marketing e propaganda políticas e non quixo definir un marco legal galego acaído ás nosas necesidades. Outravolta, a vocación do Presidente Feijóo de lle botar a culpa aos demáis, facer oposición da oposición e aproveitar calquera oportunidade para facer propaganda política abrollou nesta oportunidade perdida.


Como dicíamos noutronte a montaña pariu un rato.

O rato e a montaña

Te puede interesar